
Por segunda vez, Donald Trump, un ancián de 79 anos, é presidente da nación máis poderosa do mundo e está casado cunha señora de 54 anos, de quen se di que exerce gran influencia sobre el.
A actual primeira dama de Estados Unidos procede dunha familia modesta de Eslovenia. Foi modelo desde moi nova, posou espida para varias revistas e coñeceu a Trump cando ela tiña 28 anos e el 42. Foron amantes durante sete anos, e cando Trump logrou divorciarse casaron en 2005.
Ten algúns costumes que son indicativos do seu carácter. Por exemplo, non consente que ninguén faga a súa equipaxe, quere estar segura de que leva na maleta o que quere levar. É organizada e controladora. Mide un metro oitenta e leva sempre uns zapatos con tacón de agulla de 10 centímetros. Iso colócaa á mesma altura que Trump, que mide un metro noventa. Creo que iso indica que quere estar á súa mesma altura, non por baixo. Nas fotos de actos oficiais ela vai, segundo é normativo, un paso por detrás do presidente. Cando está en segundo plano, o seu rostro é unha máscara impenetrable. Dise que non lle gustan as flores nin os nenos, que é fría, e que nin ama nin admira o seu marido, que está con el porque lle proporciona comodidades, riqueza e poder.
En fotos da súa adolescencia vese contenta, cunhas pernas preciosas e cun busto pequeno. Anos despois, as súas pernas seguen sendo preciosas e o seu busto desenvolveuse de forma que non parece natural. Con Trump tivo un único fillo, Barron, a quen adora, segundo contan. En ningunha foto o seu rostro é o dunha muller feliz. Ten saúde, beleza, diñeiro e poder. Quizá lle faltou amor.