Sen libros

OPINIÓN

En Kafka & Co tienen una estantería con libros nuevos y otra con obras de segunda mano.
En Kafka & Co tienen una estantería con libros nuevos y otra con obras de segunda mano.

10 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin é a primeira vez nin será a última. Sempre hai alguén capaz de amosar, sen rubor, a inutilidade dos libros. Lembro un exconcelleiro de Cultura que se gababa, non só en privado, de desenvolver perfectamente o seu cargo sen ler un libro na súa vida. Había na súa actitude un aquel de chulería que nos negaba aos escritores a posibilidade de facermos algo útil non só para nós, senón tamén para os demais. Ese desprezo, se cadra, nacía nalgún complexo sen curar e xa adiantaba un síntoma claro da nosa sociedade, que está a modificar uns certos valores que criamos instalados para sempre. Recoñecer publicamente que un non le cando é portavoz dun partido con posibilidades de gobernar podía parecer un digno acto de sinceridade, pero non o é, porque nesa confesión está a se recoñecer unha eiva importante que o deixa espido diante da sociedade, porque a lectura fomenta o pensamento crítico, algo esencial nunha democracia. Os libros permítennos chegar a coñecementos moito máis estruturados e profundos cós que nos ofrece esa información inmediata e simplificada das redes; convídannos a analizar diferentes puntos de vista, argumentar e rexeitar calquera manipulación mediática; permítennos, sobre todo, poñernos na pel dos demais, comprender certas perspectivas que son quen de sinalar a diferenza entre o diálogo e o enfrontamento. Son moitos os libros dos que aprender, tanto de historia, filosofía, literatura... A riqueza está máis ca demostrada para asegurar que un político que non le, por moito sentido común que teña, sempre dependerá de interpretacións alleas, sen criterio propio. E pode que a súa carreira política o leve mesmo a ser ministro, pero, por moito poder que chegue a ter, nunca debería presumir da súa ignorancia.