Castelao e o dereito civil de Galicia

José Ricardo Pardo Gato LIÑA ABERTA

OPINIÓN

MABEL R. G.

17 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Como case todo na vida, para poder entender o presente e chegar a albiscar o futuro é necesario volver a vista ao pasado, ás orixes desencadeantes do que posteriormente aconteceu e do que, como consecuencia, xurdirá. Moito máis se falamos de dereito, e máis aínda se é o dunha comunidade autónoma como Galicia, que conta cun dereito civil propio, vivo, de natureza consuetudinaria. Un ordenamento xurídico baseado no costume e nos usos persistentes no tempo, dos que xurdiu o noso dereito especial.

Como unha consecuencia máis das vicisitudes históricas que durante séculos concorreron na súa formación, no marco do Estado español existe unha diversidade xurídica lexislativa de orde civil. Unha forma de entender o dereito das persoas que provocou que algunhas autonomías, entre as que se atopa Galicia, teñan asumidas competencias para lexislar sobre o seu dereito singular.

Xa na afastada data do 24 de xuño de 1899 e no contexto do manifesto da Liga Gallega de Santiago, Brañas, o pai do rexionalismo galego, salientara a importancia que supón a autonomía xurídica, ao precisar que «el respeto a las instituciones jurídicas de carácter foral, tan tibiamente consagrado por el Código civil, es en España condición de toda obra legislativa, si ha de realizarse ésta en condiciones de viabilidad».

Unha autonomía que se facía imprescindible e un dereito civil que a Xeración Nós converteu en arte.

A figura máis salientable da dita xeración, o noso recoñecido Castelao, xa advertía da súa importancia no seu Sempre en Galiza. Despois de sinalar a falla de dificultade de que os xuristas galegos seleccionaran nos códigos alleos ás modalidades máis admirables para compoñer unha codificación ideal do dereito en Galicia, Castelao engadía a continuación que, con todo, iso «non tería efectividade sen estudar, primeiramente, as modalidades e principios do dereito galego non escrito, que o pobo coñece, respecta e practica como xusto».

Este dereito civil galego repercute de xeito directo na vida dos cidadáns e no seu contorno inmediato: a propiedade, o aproveitamento da terra e os contratos, así como no referente aos arrendamentos de tipo rústico, a familia, os testamentos e as herdanzas.

De todas estas materias emerxeron figuras xurídicas que os galegos, sobre todo aqueles que gardan certa vinculación coas áreas rurais, coñecen por telas invocado en numerosas ocasións para dirimir as súas controversias. Unhas formas de acontecer e de proceder que deben aparecer integradas no noso dereito como creación xenuína do pobo galego, ao que Castelao dedicou a súa vida.