Compadreo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Santi M. Amil

20 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Agrádame a palabra compadreo. Das tres acepcións que aparecen no dicionario da RAG, só unha ten mal carácter: «Acordo ilícito ou alianza entre persoas para axudarse na realización de algo de dubidosa legalidade ou censurable». Esta acepción, por desgraza, está de moda na política española. Porén ese compadreo non é o que interesa a esta columna, senón o outro, ese que fala do trato familiar, amigable e cordial. A noite do xoves de compadres abriga fielmente este significado. Xúntanse os amigos de toda a vida, e os que acaban de chegar, e os outros que non ves dende hai anos. Cantan, brindan polo Entroido, pola vida (que é unha das definicións máis alegres do vivido e do que queda por vivir). Os compadres non coñecen a amargura, porque a levan agachada no fondo dun armario non compartido: os compadres comparten os gozos e as venturas, nunca as sombras. Os compadres existen dende que existe o mundo. Fixeron da amizade un dos motores da existencia, cóidana, peitéana cada día, vístena con galas floridas. Non se resignan á tristeza, aínda que a tristeza sexa un paxaro que por veces fai o niño nas nosas entrañas. Camiñan a ritmo lento, sen présas, os compadres. Saben que as présas non levan a ningures. Sorrín, e os sorrisos dos colegas son tan reconfortantes como os propios. Dicir compadre é dicir amigo, esa palabra tan precisa nos tempos que habitamos. Dicir irmán, por veces. Ou confidente. Dicir compadre é poñerse sombreiro e gabardina e saír a petar nas estrelas do lusco fusco, cando en Verín só corre a boaventura. Fronte á chuvia, o sol do compadreo. Fronte ás malas caras, a ledicia do compadreo. Ignoro se existe o verbo compadrear. Será un magnífico verbo.