
Nos resultados oficiais sobre o rendemento académico destacan, cada vez con maior contundencia, que as rapazas son mellores estudantes cós rapaces, en todo o sistema educativo. Desde o ensino primario ata o superior, repiten menos e logran titular máis, sendo tamén maior a porcentaxe das que acceden á universidade. Segundo o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ou a Fundación La Caixa, as alumnas teñen un rendemento académico no ensino superior máis alto cós alumnos, medido en porcentaxe de créditos aprobados e en idoneidade (finalización da titulación no tempo que corresponde).
Tamén son maioría as mulleres que continúan a formarse despois dos 25 anos e chama a atención que o abandono escolar temperán (porcentaxe de persoas, de 18 a 24 anos, que só remataron a ESO) é máis do dobre nos rapaces (15 %) que nas rapazas (6,5 %), en Galicia. Por outra parte, e controlando a variable da porcentaxe de presentados, cada día é maior o número de mulleres, en comparación cos homes, que aproban oposicións á Administración pública, tanto no ámbito xeral coma no docente ou sanitario.
Aínda que existe controversia en relación coas causas destas diferenzas entre sexos, parece claro que non están nos aspectos biolóxicos ou intelectuais, senón na capacidade para adaptarse ás competencias que se precisan para acadar o éxito escolar.
As alumnas contan con tres armas esenciais: son superiores en lectura e habilidades verbais, en capacidade de esforzo e de tolerancia ás frustracións e en motivación. O hábito lector e a comprensión do que se le, son fundamentais para unha boa aprendizaxe e expresión, tanto verbal como escrita, aspectos que facilitan a atención activa na clase e un mellor aproveitamento das tarefas escolares.
Elas pasan máis horas enriba dos libros e son máis constantes e metódicas, calidades imprescindibles, mentres non se demostre o contrario, para o éxito académico.
Estudar e aprender supoñen, inevitablemente, esforzo e frustración, e as rapazas posúen máis capacidade para superalos, porque contan cun maior interese e motivación. Teñen superiores aspiracións ca eles, e unha vez iniciado o camiño, a súa taxa de abandono é moi inferior.
E posiblemente estas diferenzas tamén se trasladarían ao mundo laboral, se as mulleres non tivesen o hándicap da maternidade e da conciliación de traballo e familia. Estas dificultades, xunto con prexuízos sociais, aínda vixentes, impiden que elas teñan postos de traballo de maior categoría e mellores salarios. Pero isto xa non pertence ao ámbito do sistema educativo.