
O cancro de páncreas é o máis letal e difícil de diagnosticar. A maioría deles empezan nos condutos que segregan as enzimas (moléculas que fan que as reaccións químicas vaian máis rápido) que o noso corpo usa para dixerir a comida. Un dos seus principais problemas é que non dá síntomas e polo tanto non se detecta ata que se espalla a outros órganos (metástase), e a esa altura en moitos casos xa é difícil tratalo.
O reto é pillar canto antes o menor indicio da enfermidade. Entre os diferentes factores que axudan aos tumores a invadir o corpo hai unha enzima que precisa dun metal para o seu funcionamento. Como esta enzima está activa nos tumores mesmo nos seus estadios moi iniciais, un grupo de investigadores pensou que unha idea prometedora podería ser o deseño dun sistema que a detectase.
Crearon un nanosensor que contén unha nanopartícula magnética amarrada a unha molécula, que atrae á enzima involucrada co metal. Se a atrapa, avisa tornando fluorescente. Soltaron estes sensores nunha mínima pinga de sangue, deixáronos reaccionar, e extraéronos cun imán.
Probaron en mostras de sangue conxelado de tres tipos de persoas: con cancro diagnosticado, con enfermidades pancreáticas non canceríxenas e con persoas sas (grupo de control). O resultado, moi notable: o test detectou o 73 % dos cancros, sempre acertou para diferenciar entre cancro e outro tipo de enfermidade pancreática, e acertou co 98% das persoas sas. Como no fondo é un mecanismo detector de metástase, este test de sangue (moi barato) podería ser útil para a detección precoz doutros cancros.