
A arquitectura vén ser como unha pel social que nos proporciona acubillo para a vida en todas as circunstancias, felices ou infortunadas. A arquitectura monumental é símbolo da magnificencia do poder de deuses, reis e señores.
Desde os tempos clásicos, para construír os edificios, os andamios, armazóns de madeira e cordas, eran un traxe provisional que medraba desde a cimentación ata o cumio, mantendo a verticalidade, vencendo a gravidade e permitindo a fabricación simultánea do interior e o exterior. A antiga escaseza de planos e medios técnicos suplíase cunha visión espacial e unha arte de construír excepcionais dos mestres de obras e dos oficios.
A arquitectura sempre necesitou do pensamento, máis ca depender dunha corrente filosófica determinada. Tiña o desafío de acomodarse aos requirimentos do comitente e do usuario, combinando estética e funcionalidade, escoitando o rumor da rúa. Podía ser condescendente, amable, provocativa, indutora ou, sinxelamente, moderna, non como sinónimo de modernista, nin do Movemento Moderno, nin posmoderna, senón pola capacidade de idear aquilo que é necesario, pero aínda non foi creado.
A beleza empezaba cunha idea, debuxada en pergameos, papeis ou en monteas trazadas directamente sobre o pavimento ou os muros, para enfrontarse logo ás dificultades da execución. A arquitectura, para ter calidade, tiña que obedecer a unha razón construtiva que resolvese adecuadamente o quebracabezas da combinación de materiais, pedra, morteiros, formigón, metal, vidro, madeira, en muros, teitos e arcos, acompañados pola escultura e a pintura. A beleza, aínda que muda co paso do tempo e é interpretada de distintas maneiras, perdura e transmítese. Ese é o gozo e o segredo.
Imaxino a festa da arquitectura, a emoción no día da retirada dos andamios e as teas, a sorpresa do descubrimento pola xente do común, aínda que a construción se estendese durante décadas. O asombro ao achegarse e entrar nunha catedral debía de ser abraiante. Así estábase xerando a idea de monumentalidade, como algo sobrenatural. As fachadas iríanse logo integrando no contorno, mentres a pátina biolóxica ía suavizando as súas arestas. A opinión asimilaría a presenza do edificio a medida que envellecía, como un conxunto orgánico.
Cando se colocan estadas para a restauración dun edificio monumental é, sen lugar a dúbidas, a mellor oportunidade para enfrontarse a el cara a cara, investigar o seu porqué construtivo e comprender a esencia do patrimonio e a capacidade creativa e técnica dos clásicos.