
Sóalles esta frase?: «O novo modelo de financiamento responde ás necesidades persoais do presidente, á súa debilidade parlamentaria e á necesidade de contentar os seus socios en Cataluña». Efectivamente, é do PP. Do ano 2009. Así argumentou hai 16 anos o seu voto en contra do novo modelo que achegaba máis recursos ás comunidades autónomas proposto por Zapatero. Hoxe, ese modelo xa non lles parece tan mal; de feito, con Rajoy nin se variou. Agora, urxe unha actualización dos recursos para atender as persoas segundo a singularidade dos territorios, e os populares repiten historia e argumento. E dentro de 15 anos defenderán cos dentes o que hoxe critican. O ruído é a súa estratexia de sempre.
Miremos para Galicia. Estamos hoxe ante a primeira gran proposta para negociar o novo modelo de financiamento autonómico. É unha oferta ambiciosa feita por un Goberno socialista. 4.010 millóns de euros de débeda pública que se lles poden condonar ás nosas arcas e desaparecerían do cómputo ao día seguinte. Tendo en conta que é un terzo da débeda de máis de 12.000 millóns que xeraron aquí Feijoo e Rueda, triplicándoa en 15 anos, e que este ano pagaremos 1.700 millóns en xuros e amortizacións, máis do que destinamos a política social ou atención primaria, non é unha cifra insignificante.
E é, desde logo, unha formulación máis ambiciosa cá do PP, que sempre sería 0 euros. E máis cá dos nacionalistas galegos, que propuxeron no seu día por escrito só «medidas compensatorias para Galicia» no caso de que houbese condonación para outras comunidades autónomas. Conformismo por ambas as partes. Para nós, Galicia debe negociar na mesma mesa, esixindo con igualdade. Iso defendín sempre fronte aos que optan polo absurdo de levantarse desa mesa por puro teatro e danando os intereses galegos.
A nosa proposta é solidaria, ao resarcir o esforzo que as autonomías fixeron durante a crise da década pasada na que o austericidio do PP levou os servizos públicos a sobrevivir no límite. Feijoo e Rueda, sendo os pioneiros nos recortes, triplicaron, como xa dixen, a débeda pública. Fixeron desaparecer os pans e tamén os peixes, e acabaron por facer menos gastando máis.
4.010 millóns de euros que se poden perdoar. E baixo criterios que deben sentar as bases do resto da negociación sobre financiamento autonómico, que tamén temos que afrontar con seriedade. Utilízase o criterio de poboación axustada, que contempla que o obxectivo é financiar a dotación de servizos ás persoas, e o avellentamento ou a dispersión son dificultades que deben computar. Por iso, tendo Galicia o 5,5 % da poboación do Estado, compútaselle o 6,7 % axustado. E faise para todas as autonomías, non para algunhas en solitario, como os malos agoireiros predicaban. Un modelo no que Andalucía é a máis beneficiada e no que Galicia sae ben parada.
Se vostede compra un coche a prazos e lle condonan un terzo, todo o diñeiro que ía utilizar para pagar esa parte pódeo reinvestir. Pois niso estamos. Pero, como parece máis importante armar unha confrontación, asistimos aos espectáculos de ofensas impostadas e declaracións grandilocuentes, pero repetitivas. Galicia debe ser protagonista e non instrumento de guerra. Precisamos, para iso, un Goberno astuto e non servil a outros intereses partidistas.
Levantarse dunha mesa pode dar algunhas portadas mediáticas; quedar negociando mellora os servizos públicos.