Agarrarse á vida

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Santi M. Amil

07 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida de hoxe é un paradoxo. Facer a compra é cada vez máis custoso: os prezos soben sen parar, mais os soldos fican onde están. Os cartos, cando os hai, están aí gardados nun banco que, a pesar de que o rescatamos entre todos, decide cobrarche unha cota por simplemente telos aí depositados; ou decide que non te atende nas únicas horas do día nas que te podes permitir ir solucionar algo en persoa. Se alguén ten necesidades especiais, para solicitar unha axuda (como por exemplo unha dependencia) necesitas ter un doutoramento en paciencia e outro en administración de papelame, e aínda así non hai ningunha garantía de que esa axuda chegue antes de que ese alguén deixe de necesitala (é dicir, antes de que morra). E podería seguir enumerando os paradoxos que fan da nosa existencia algo cada vez máis incomprensible... Como cando aparece un problema e hai que chamar por teléfono a un servizo técnico, ou a unha administración: xa é tarefa imposible falar cun ser humano e solucionalo. E entón pregúntome como chegamos a este nivel de desconexión entre a vida que vivimos e a vida que nos empurran a vivir? En que momento aceptamos este contrato social?

E aínda así, a vida segue. Segue porque queremos vivila. Agarrámonos a ela porque está chea de pequenas alegrías e tristezas que nos fan sentir que merece a pena estar aquí, sobrevivindo, para tomar ese café coa Luisa, ou visitar ao José na residencia, ou facer rir á Maruxa, ou ver como florecen as camelias. E nesta existencia chea de contradicións temos que obrigarnos a recordar acotío que é o que importa nas nosas vidas, e ancorarnos a iso, para non perder a esperanza, para poder ser. A pesar de todo.