Diálogo e concertación, claves para unha Galicia máis competitiva e social

Cristóbal Medeiros Fernández SECRETARIO XERAL DE UGT-GALICIA

OPINIÓN

M. MARRAS

07 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Avecíñanse tempos complexos, sobre todo polo contexto internacional, pero tamén ilusionantes, marcados polas transformacións enerxéticas, industriais, novos xeitos de traballar... e os sindicatos temos que ser un actor fundamental ante estes novos retos. Por iso apostamos por seguir utilizando a ferramenta que durante estes últimos anos tan útil se mostrou para resolver os problemas sociais, económicos e laborais do país, o diálogo social. Porque, para UGT, falar de diálogo social é falar de xustiza, da busca de solucións xustas aos problemas da xente, aos problemas do país.

Non obstante, en Galicia cremos que chegou o momento de ser máis ambiciosos, hai que traballar por un diálogo social máis transversal, hai que falar tamén de vivenda, protección social, atención aos nosos maiores e persoas dependentes, ou servizos sociais en termos xerais.

Neste contexto de transversalidade hai que apostar tamén por unha industria avanzada e estratéxica para Galicia, actualizar e reinventar o tradicional, pero apostar tamén polos sectores de alto valor engadido. Galicia ten que aproveitar o cambio que se aveciña para estar á cabeza porque somos un territorio rico en materias primas e enerxías verdes.

Galicia ten que situarse á vangarda das enerxías renovables, para o cal precisa seguridade xurídica. Hai que aproveitar a integración de renovables no desenvolvemento da economía, pero non a calquera prezo, sempre baixo o respecto medioambiental e con consenso coa contorna.

Dende UGT-Galicia tamén apuntamos a un turismo máis sostible e a un maior investimento en I+D+i, garantindo a formación e capacitación profesional. Nesta comunidade autónoma temos outra das nosas grandes riquezas, o rural, que temos que converter nunha alternativa real de vida para que as persoas se poidan asentar neste contexto e afrontar o seu proxecto de vida dun xeito integral.

Administracións e axentes sociais tamén temos outro reto por diante, traballar conxuntamente por máis emprego e de máis calidade, avanzando na redución da xornada e en mellores salarios. As políticas de igualdade tamén teñen que estar no foco dos tempos que se aveciñan.

E outro dos grandes retos é abordar o envellecemento da poboación. Non podemos esquecer que os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) arroxan unha tímida mellora no conxunto do Estado que non comparte Galicia, polo que o Goberno da Xunta ten importantes deberes inmediatos neste senso; xa non se pode agardar máis porque, ademais das consecuencias sociais desta situación, está o impacto negativo na propia xeración de riqueza para o país.

O futuro está aí e non agarda por nós, movémonos nun contexto de globalización, dixitalización e sostibilidade e hai que abordar os retos xa, dun xeito ambicioso, salvagardando os valores propios e proxectalos cara o futuro.

Sen dúbida, o noso futuro depende do que fagamos e estamos nun momento de cambio moi importante.

Temos que amosar a nosa capacidade como colectivo, como país, para dar resposta a todos os retos que se nos presentan de inmediato.