
Salud mental y color
Despois de máis de 30 anos na Unidade de Saúde Mental do CHUS, a imaxe que teño deste servizo é a de deprimentes corredores, que no seu día foron brancos e que hoxe tornaron grises, opacos, sen brillo, que conducen a salas de espera grises igual de deprimentes; vello mobiliario herdado doutras consultas, fotografías de revistas e carteis de estudos obsoletos que reflicten datos sobre taxas de suicidio —cuxa misión non é outra que cubrir os escunchados das paredes—, cheas de revistas en espera de actualizar, vasos de café que ben se puideron converter en experimentos científicos e paraugas esquecidos nunha oxidada papeleira.
Sentado á espera de ser chamado a consulta, miro ao meu redor, sei que soará fatal, pero desaléntame a absoluta falta de orixinalidade da contorna. Onde está aplicada a psicoloxía da cor nas unidades de saúde mental? A cor non é só cuestión de decoración. É, sen dúbida, a ferramenta máis sinxela que temos ao noso alcance para intensificar as emocións positivas e aumentar o benestar. As cores fálannos nunha linguaxe que entendemos instintivamente —a linguaxe das emocións—. Señor conselleiro de Sanidade: poña cor á saúde mental! Luis Vázquez García. Arzúa.