O valor das palabras

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Mariscal | EFE

23 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega a min unha reflexión do papa Francisco sobre a violencia da guerra e a violencia das palabras. Palabras que feren, palabras que mancan ou matan, palabras que sementan mentira, inxustiza e odio. Palabras non inocentes. A guerra xa sabemos de que vai. Mais da furia das palabras, da súa posible maldade e do seu significado non falamos moito, por máis que vivamos rodeados delas. Certo que tamén hai palabras que curan, palabras que dan vida ou axudan a vivir. Pero neste caso a reflexión do papa era outra: vivimos afogados (intoxicados) nunha inflación de palabras que non nos deixa respirar, bombardeados dende todas as frontes e a todas horas, mesmo sen tempo para peneirar ou, como dicimos no país, arredar a fariña do farelo. Palabras que as máis das veces pronunciamos ou escribimos para a propia parroquia, para o pequeno gremio dos correlixionarios, non dende a liberdade do pensamento, atrapados na dependencia do discurso dominante ou no que outros queren ouvir.

Lembro unha obra de Eugéne Ionesco, A leición, que se representou en galego na Compostela dos anos setenta e que algo tiña que ver con isto. Ionesco foi un dos mestres do chamado teatro do absurdo, romanés de nación, membro da Academia Francesa. A obra presenta a relación entre unha alumna e o seu profesor. Unha relación que axiña adiviñamos que é unha relación de poder, na que a alumna está a ser sometida polo dono do discurso. Mais hai un momento en que ela se revela, apaña un dicionario, busca a palabra coitelo e coa palabra mata o profesor. A palabra adquire toda a súa significación e transfórmase en algo material, ferramenta coa que a alumna se revolve contra a imposición. O obra ten outras lecturas, mais a palabra está no clímax, no desenlace. Palabra viva. Cantas veces pensamos nas consecuencias do que dicimos ou afirmamos, non sempre conscientes da gravidade de xuízos ou acusacións?

Sigo, como cidadán, os debates parlamentarios. No Parlamento español e no galego. Nos últimos tempos as leas son duras, e non debe parecernos mal cando as cuestións en disputa o merecen. Mais contan algúns protagonistas que, logo da pendencia ou zarracina, logo das cousas feroces que nalgúns casos se din, aquí non pasou nada e todos a compartir cafés ou cervexa xuntos. «Cousas da política», comentan. Abofé que o público non o percibe así. Resulta moi difícil de crer que, despois de tales enfrontamentos, veña o compadreo. E resulta moi difícil de crer que despois de tales espectáculos (que ás veces non son outra cousa, pensando na galería), alguén poida intentar espazos de encontro, debate sosegado para construír algún proxecto común, tan necesario nestes tempos. Dá a impresión de que todos, antes de empezar, entramos na area con todas as armas desenvaiñadas a ver quen queda mellor diante dos seus. Mal negocio. Se cadra non teño razón e son moi inxenuo, pero alguén debería revisar o libro de estilo.