
Estou a ver unha serie titulada Os misterios de Laura. A protagonista é Laura Lebrel del Bosque, unha inspectora de policía moi peculiar. Ela non se basea en probas científicas, senón na súa intuición e certo misterioso instinto que a leva a descubrir sempre o asasino. Compaxina o seu traballo de policía cos seus labores de ama de casa e nai de xemelgos moi travesos. Está divorciada de Jacobo, inspector tamén de policía, e ten un compañeiro de traballo, Martín, que non para de meterse en leas. A produción española, segundo os expertos, é moi parecida ás series Escribiuse un crime e Colombo, ademais de tomar elementos de novelas de Agatha Christie.
Está interpretada por María Pujalte e un bo elenco de actores españois. Aínda que predominan as críticas positivas, non faltan as malas: dende «boa serie» ou «sinxelamente encantadora» a «frouxiña», «un chourizo nacional», «escribiuse un pestiño», «espantosa e insoportable» ou «unha divertida comedia para nenos de 7 a 10 e maruxas varias».
Eu cóntome entre as maruxas que ven con gusto a serie, que non é violenta, nin sanguenta, nin ten escenas de sexo engadidas para entreter o espectador. Cada capítulo presenta un misterio e resólveo. O maior defecto, para min, é a ignorancia da que dá mostras a personaxe protagonista. Laura é desamañada e metepatas, pero sobre todo é moi ignorante. Non sabe o que é un violín Stradivarius e confúndeo con Nostradamus, boticario e adiviño, autor de profecías famosas. Nunha escena fálase de música clásica, do quinteto de Franz Schubert A Troita, e ela cre que falan dun peixe…
Os axentes de policía deberían protestar por verse representados nesa serie por unha personaxe tan ignorante.