Como vai haber pacto polo galego se non hai acordo?

Sara Pérez Peral
Sara Pérez EN LIÑA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

24 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai ser complicado trasladar á rapazada (con credibilidade) a urxencia de salvar o galego se quen o teñen na súa man parecen incapaces de poñerse de acordo incluso no máis básico. Quen teñen as competencias e as ferramentas para facelo. Quen son os responsables. Pasaron 164 días, case medio ano xa, dende que recibimos con preocupación uns datos que xa sabiamos, ou ao menos intuïamos, que non ían ser bos. Pero dende entón, que cambiou?

Traballan dende diferentes frontes para chegar ao mesmo punto e, polo camiño, nin se ven. Din que é máis o que os une que o que os separa, pero hai algún xeito de abordar o problema co que estean de acordo? Está a roca do Plan Xeral de Normalización Lingüística e, mentres, perdemos a oportunidade de protexer o noso patrimonio lingüístico ou de aumentar os fondos para o idioma. Un tira e afrouxa constante. Un a ver quen pode máis, a ver quen é máis forte. O clamor que se escoitou nas rúas é o dunha situación extrema para a que os galegos están pedindo a gritos axuda, si. Pero pode que ese clamor que se escoita tamén agora sexa o da unidade entre as forzas.

Parece o de menos que teñan clara a receita máxica para salvar a lingua. Que non existe, claro. Dá a sensación de que importa máis que, por unha vez, poidan deixar as súas diferenzas e vaian todos polo mesmo camiño e cara ao mesmo destino. Un no que a nosa lingua non sexa présa do esquecemento. Un no que, independentemente de onde esteas e con quen, poidas ser en galego. Tan difícil é?