
Abril é un bo mes para lembrar o desexo das Mil primaveras de Cunqueiro. Estes días coincide o abrollar de flores, plantas e árbores coa elección dun novo presidente da Real Academia Galega para tirar do carro que deixou ben aparellado Víctor Freixanes.
O galego está en problemas e á Academia pídesenos que fagamos algo. A lingua de nós parece estar desaparecendo aos poucos e a sociedade mira para a Academia. Si, si, a mesma sociedade que seica deixa de falalo mira para a institución buscando respostas para avivecelo. É a mesma xente que está entusiasmada coa Afouteza do Celta ou da nova equipa d'As Celtas, a que canta o Miudiño co Obradoiro e que se mira en Ana Peleteiro cando a escoita falar galego de Ribeira. A mesma xente nova que votou maioritariamente ao BNG na cidade onde a estatística sinala que hoxe se usa menos o galego. O galego está desaparecendo de moitos espazos e pídesenos que fagamos algo.
Ten sentido porque a Academia foi unha creación social, non política, nin administrativa.
Este non é o tempo da normativa nin da normalización, nin de convencer as empresas ou de insistir na utilidade da lingua. Todo iso xa pasou. É o tempo da implicación, de lograr que a sociedade agarime e arroupe a lingua, como di Henrique Monteagudo. Agora si que nos cómpre un novo Rexurdimento, se o orixinal foi o da escrita agora ten que ser o da lingua, para a salvación do idioma e o que implica. A Academia Galega, que foi unha creación social para recoller, depurar e renovar, converteuse nunha representación da sociedade —ás veces mesmo a pesar dela— porque foi identificada como propia pola cultura popular. Entendida como unha representación da cultura da maioría.
Alén das estatísticas hai sensacións preocupantes de descenso de uso —espontáneo, ordinario, mesmo de resposta— do galego na Administración, na sanidade e aínda na política.
Onde tiña un uso completo parece estar a deixarse ir. Os medios públicos e privados non avanzan máis alá de onde chegaran hai tempo. E a calidade da lingua semella empeorar no uso publico, non no popular.
Á vez destes malos síntomas nunca tanto uso tivo a lingua en manifestacións xuvenís e musicais propias, do fenómeno Tanxugueiras e pandeireteiras múltiples ás peñas do Deportivo ou do C. B. Breogán.
A ambivalencia é un sinal de alento se logramos despregar novos medios de aprezo e identificación; sobre todo novas formas de recoñecemento capaces de establecer moda.
Hoxe, só a extrema dereita fai cuestión ideolóxica da lingua. Quen cuspe a lingua como agresión, quen protesta e fala militantemente contra unha lingua e a prol de outra é esa extrema dereita, tan minoritaria como belixerante e activa.
A irmandade da nosa lingua co portugués é unha das nosas riquezas; unha vantaxe comparativa, economicamente sitúanos na mellor posición de Europa para negociar, comerciar e establecer pontes culturais, científicas, universitarias, co mundo africano e americano.
Sabémolo e levamos décadas promovéndoo mal que ben sen moito empeño. Tamén xa aprendemos e sabemos que non é a utilidade a que garante o futuro do galego, senón a identidade.