Unha lei de intelixencia artificial de Galicia con sentidiño

Julián Cerviño Iglesia DIRECTOR DA AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA

OPINIÓN

Santi M. Amil

13 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 4 de abril publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 2/2025, do 2 de abril, para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia. Trátase da primeira lei de ámbito rexional que regula o uso desta tecnoloxía por parte dunha Administración pública. A súa redacción foi un traballo longo, participativo e complexo. Non é fácil ser pioneiro, e máis nun ámbito tan dinámico como o é a intelixencia artificial.

Os principios contidos nesta lei son unha reafirmación dos valores que a Administración quere preservar na súa relación coa cidadanía. E facémolo porque cremos que a tecnoloxía non é neutral.

Trato de explicarme. En filosofía existen, polo menos, dúas escolas de pensamento sobre ética científica e tecnolóxica. Unha delas entende a ciencia e a tecnoloxía como eticamente neutrais. Segundo esta corrente, o único que é eticamente significativo é o caso de uso. Por exemplo, un bisturí pódese usar para facer dano ou para realizar unha cirurxía e salvar unha vida. O bisturí, segundo esta escola, non é por tanto nin «bo» nin «malo», dependerá do uso que lle deamos. Esta é a aproximación que emana do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial cando leva a cabo unha clasificación dos riscos en función dos casos de uso.

A outra escola defende que non hai tal cousa como ciencia ou tecnoloxía neutrais. Nesta aproximación enténdese que o desenvolvemento científico e tecnolóxico non se fai no baleiro, senón que se leva a cabo nun marco social, económico e ético e, por tanto, o propio desenvolvemento é eticamente significativo desde o inicio da actividade investigadora. Esta perspectiva, ademais, destaca que a ciencia e a tecnoloxía per se poden alterar os valores e principios da sociedade. Por exemplo, dende un punto de vista técnico, a imprenta só facilitou a reprodución de textos, pero as consecuencias sociais foron enormes. Por citar só dúas: a lectura deixou de ser un privilexio das elites e a Igrexa deixou de ter o monopolio na interpretación da palabra de Deus. Todo isto provocou cambios enormes nos valores sociais. Esta última aproximación ao impacto ético da ciencia e a tecnoloxía en si mesma é a que se reflicte nos principios da norma galega de IA. Independentemente dos casos de uso e aplicacións da tecnoloxía, reafirmamos a nosa vontade de protexer os nosos principios e valores da xestión pública, tales como a imparcialidade, a transparencia, a seguridade e a responsabilidade, entre outros. Adicionalmente establecemos o procedemento para implementar a norma europea na nosa organización.

En resumo, a nosa lei responde ás dúas aproximacións descritas. Por unha banda, reafirmamos os nosos principios de actuación fronte a calquera desenvolvemento da tecnoloxía, e, por outra banda, definimos o procedemento que avaliará cada caso de uso e permitirá asegurar o cumprimento estrito do texto comunitario. Así, esta lei permitirá que Galicia adopte a intelixencia artificial de xeito fiable e centrado nas persoas. É dicir, con sentidiño.