Europa, o noso difícil país

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denis E. F.

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Construír Europa foi un empeño difícil. Naceu do esgotamento de dúas guerras mundiais, a súa peor historia. Foino superando coa implantación da liberdade e o benestar social mediante consensos entre países e partidos que compartían os mesmos principios.

A pesar de todo, Europa segue a ser unha das prácticas democráticas máis importantes do mundo, que necesita redefinirse ante a inhumanidade que alimenta guerras e desprezos raciais. En Gaza, co pretexto de vingarse do terrorismo de Hamas, o Goberno sionista asasina un pobo absolutamente depauperado co obxectivo de subtraer aos palestinos a súa terra. Rusia invade Ucraína tratando de expandirse á conta de mortos e destrución, humillando o país agredido na busca dunha paz «xusta e sostible», como pretende o Goberno dos Estados Unidos. Xa vemos no que terminan as palabras máxicas! A Xustiza xulgaraos algún día?

Hoxe non é un grupo homoxéneo e amósase incapaz de dar unha resposta común a estes e outros conflitos, pero ten que seguir intentando conciliar economía e cultura, enfrontamentos e paz. Como non vai ser difícil cohesionar a nova Europa co avance da ultradereita, unha Alemaña que tanto fixo e fai pola Unión, pero arrastra un pasado que aínda lastra o seu presente; unha Hungría e países afíns que non deberían pertencer á Comunidade porque transgriden os seus principios fundamentais, ou tendo que afrontar as provocacións do Goberno norteamericano.

Como tamén é difícil a integración dos migrantes, con relixións, culturas e fisionomías diversas. Un desafío que esixe un dobre paso de achegamento, por parte deles para incorporárense á sociedade europea e pola nosa para abrirmos a mente e axudalos. Gústame ver a miña cidade cada día máis multicolor. Os fillos composteláns destes novos cidadáns falarán galego e castelán, seguirán o Obradoiro e o Compos, serán médicos ou electricistas.

A democracia non é unha ideoloxía, é a fórmula que garante o máis amplo grao de liberdade e xustiza. Agora está a ser substituída, con apoio popular, por un simulacro, onde os candidatos reclaman un voto inicial para pervertela e derivar cara a un sistema autocrático.

A cultura sempre cohesiona. Lembro cando, en 1983, o Concello compostelán e as institucións europeas, en colaboración coas outras Administracións e organizacións, retomaron o fulgor do Camiño de Santiago cunha visión laica e espiritual, como unha protohistoria europea. Hoxe pode seguir sendo un espazo cultural internacional, pero iso implica volver pensar as raíces comúns.