
No Libro del buen amor, Juan Ruiz, arcipreste de Hita, deixou escrita esta sentenza:
«Como dice Aristóteles, y es cosa verdadera,
el mundo por dos cosas trabaja: la primera,
por tener mantenencia, y la otra cosa era
por haber juntamiento con hembra placentera».
O libro, escrito no século XIV, está considerado unha xoia da literatura universal.
Tentei pescudar que fixo a xente do meu barrio o día do apagamento. Desde a terraza da miña casa non se ve a rúa, así que decidín baixar os cinco pisos e ver que pasaba. Tiven a impresión de retroceder á miña infancia: xente sentada en cadeiras, arrimadas ás paredes ou formando círculos, charlando e comendo algo que levaban en bolsas. O supermercado da miña rúa pechou por temor a roubos e porque só podían cobrar en diñeiro efectivo, do que moita xente carecía, pero todo estaba tranquilo e tiña mesmo un aire de día de festa.
Foi diferente cando decidín ir ao súper de Mercadona, que seguía aberto. Alí a xente lanzouse cal infesta de lagosta sobre calquera cousa comestible e sobre paquetes de papel hixiénico e de bolsas de xeo. Era unha turba humana que loitaba por acaparar a maior cantidade posible de produtos, que se amontoaban nos carros, e que en poucos minutos baleirou por completo os estantes do establecemento. Un espectáculo lamentable.
Volvín á miña casa e, mentres subía con dificultade os cinco pisos (teño un xeonllo avariado), pensaba que, ademais dos que estaban a atender á «mantenencia», habería outra parte da poboación tendo «juntamiento con femia pracenteira».
Quizais dentro de nove meses haxa outro baby boom, como o da pandemia do coronavirus. Esa é a parte boa dun mal día.