As primaveras de Cunqueiro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

PEPA LOSADA

11 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O 24 de abril de 1980 as letras galegas homenaxeaban a Álvaro Cunqueiro no hotel Samil de Vigo, nunha cea promovida pola editorial Galaxia e Bieito Ledo, que daquela era o xerente da editora, en parte como desagravio por certos acontecementos que tiveran lugar na universidade de Compostela durante a cerimonia de entrega do titulo de doutor honoris causa, xunto co profesor Joseph Piel e o escritor Camilo José Cela. Cela aínda non era Premio Nobel daquela. Na cea viguesa foi onde Cunqueiro pronunciou espontaneamente a xa célebre frase das mil primaveras máis para a lingua galega. «A duración da fala —dixo— é a única posibilidade de que nós duremos como pobo». E engadiu: «Se de min algún día se quixese facer un eloxio e eu xa estivese dando herba na nosa terra, podería dicir a miña lápida: ‘Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis'». Iso di a súa tumba en Mondoñedo.

O futuro da lingua non depende dos escritores, por máis que o labor dos escritores e as escritoras (empezando pola nosa Rosalía) sexa importante, senón da vontade das xentes que a falan, que a recrean decote e a transmiten aos seus fillos e fillas, aos seus netos e netas, alimentando ese río marabilloso que avanza ao longo da historia e no que nos recoñecemos e nos socializamos. O traballo da escrita, a alta cultura dos libros, e mais esas outras novas formas de creación e comunicación que son o cinema, a música, o pensamento científico, o xornalismo, a publicidade, non se sosteñen se non hai detrás, ou debaixo, un corpus consciente que terma do edificio común, coma a montaña de xeo somerxida terma da cabeza do iceberg.

Algúns anos despois, na primavera de 1986, a Asociación de Pais pola Defensa da Lingua (Apadel) e Radio Popular de Vigo promovemos unha campaña a prol do galego na escola que reuniu en poucas semanas miles de sinaturas. O lema da campaña era a frase de Álvaro Cunqueiro: «Mil primaveras máis para a lingua galega», e os asinantes procedían de sectores sociais e ideoloxías moi variadas: asalariados, profesionais liberais, profesores, funcionarios públicos, sindicalistas, empresarios, xente da cultura… Hai unha fotografía na que aparecemos Xerardo González Martín, daquela director da emisora, e debo dicir que un dos primeiros animadores da idea, Anxo Tarrío Varela, que entón era profesor en Vigo e representaba a Apadel, e mais eu, entregándolle as sinaturas ao presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, solicitando medidas concretas a prol do idioma nas escolas. Algo mudaron as cousas para ben, non digo que non. Mais tamén mudou o mundo, o contexto social, as circunstancias, as tecnoloxías da comunicación, as modas, os hábitos de consumo... E na escola segue a estar unha das chaves fundamentais para garantir o futuro: as primaveras de Cunqueiro. Case corenta anos despois a demanda segue.