Somos Pandeireteiras: as tocadoras e o aturuxo

Mercedes Peón
Mercedes Peón DECOTÍO

OPINIÓN

CARLOS CORTÉS

11 may 2025 . Actualizado a las 11:44 h.

Un día como hoxe chamoume Sofía Vázquez para que fixera un artigo sobre o aturuxo, pareceume unha proposta ben interesante e orixinal, pero para min sería un labor imposible de abarcar en tan pouco tempo. Transmitinlle a miña preocupación e propúxome que escribira sobre o encontro Somos Pandeireteiras, que se celebrará o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, co gallo da homenaxe ás tocadoras da tradición oral da Real Academia Galega. Permítanme contextualizarlles a asociación para entender que foi o que nos trouxo ata aquí. 

Hai catro anos, ao final do confinamento, pensando na falla de relación entre as persoas, comecei a reflexionar que era unha mágoa non poder transmitir algo tan incrible e necesario como o transo en colectividade, a sororidade entre tocadoras, etcétera. A partir de aí, tras moitas reflexións, propuxen un encontro que se realizou a finais do 2021 e que tornou na formación da asociación Somos Pandeireteiras. Esta asociación crea espazos de encontro onde as pandeireteiras son o centro e toman a palabra, pasan de ser obxecto de estudo a ser suxeitos que se proxectan como voces contemporáneas e de enunciación.

Permítanme falarlles das tocadoras na cidade da Coruña. Elas entraron en contacto con centos de persoas non galego falantes que querían aprender a tocar a pandeireta. Estas persoas comezaron a pronunciar palabras en galego, algunha por primeira vez, a través da pandeireta, e moitas tomaron a lingua galega como vehicular. As tocadoras transmitimos falas diversas, gardando xeitos e fonemas peculiares de cada aldea. As tocadoras da tradición, coa súa inmensa xenerosidade, son e foron o centro da transmisión das falas ás persoas que fomos cabo delas e, por extensión, ás centos e miles de persoas nas clases de pandeireta e baile, sempre acompañadas polas música da tradición. As tocadoras queremos transmitir as novas xeracións a sororidade, a lingua galega, as falas de cada lugar, sabernos transmisoras de isto e entender o pracer de tocar os ternarios, que van ao mesmo ritmo que o noso fluxo sanguíneo, para transmitir unha linguaxe de creación colectiva. Mais no tema que nos ocupa, baixo unha responsabilidade de futuro, neste encontro do 17 de maio, que se celebrará no auditorio de Santiago, Somos Pandeireteiras crea un espazo de diálogo coa lingua galega no centro; queremos reflexionar desde distintos ángulos as mellores opcións da transmisión e o respecto pola nosa cultura, que comeza polas falas de cada lugar e de cada tocadora. As mesas estarán dirixidas por tocadoras lingüistas ou filólogas, para afondaren en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor da lingua galega e a súa transmisión contemporánea. Teremos o pracer de contar con Olga Novo, Paula Carballeira, Nuria Vil e Ánxela Lema, que serán as encargadas de narrar o que aconteza en cada mesa. Icía Varela, Lupe Blanco, Maruxa Mascuñana e Icía Sanmartín moderarán as mesas.

Nosoutras sentimos este encontro totalmente necesario para que podamos sabernos como unha ferramenta de futuro para a lingual galega, posicionarnos na transmisión dela en toda a súa dimensión sen fisuras.