
Estaba eu preguntándome se estes fríos de finais de maio serían consecuencia do cambio climático cando recordei un refrán castelán que di: «Hasta el cuarenta de mayo no te quites el sayo». O corenta de maio é o 10 de xuño, ou sexa, case o comezo do verán. A sabedoría popular, que se plasma con frecuencia en refráns e cancións populares, advírtenos así da conveniencia de non abandonar a roupa de abrigo ata esa data. Desta forma poderemos evitar catarros que poden estragar as vacacións estivais.
A parte boa das choivas desta primavera é que as árbores locen as súas galas máis esplendorosas, as follas están limpísimas, relucentes, dun verde zumarento e enchéronse de flores. É un pracer contemplalas e ulilas. Cunha excepción: a cicuta, que apesta. Nunca puiden entender por que a cicuta se atopa en España en parques e xardíns, a pesar de ser unha das plantas máis velenosas que se coñecen. É perigosísima e déronse casos de envelenamentos producidos por comer paxaros, por exemplo, perdices, que á súa vez comeran sementes de cicuta. No meu barrio vina en varios xardíns particulares. Pode alcanzar ata dous metros e medio de altura e as súas flores asomarse ás beirarrúas públicas, o que supón un perigo para persoas e cans.
Se ven unha planta chea de pequenas floriñas brancas asomando por unha tapia, non a toquen, case seguro que é cicuta. E tampouco toquen as adelfas, outra planta fermosísima e moi velenosa, tamén abundante. Vivimos rodeados de perigos, diaños! Xa saben, cóntoo por se a alguén lle fose de utilidade.