
Ata onde nos sorprenden as confesións de Frank Cuesta? Sempre foi o que se chama un verdadeiro personaxe. Non me gustaba a súa actitude de crerse superior aos demais, por iso non o seguía moito, pero, aínda así, era evidente que resultaba histriónico. Realidade ou papel televisivo, amosábase esaxerado, arrogante e ata despectivo.
A demanda televisiva é un misterio. Por iso, a pesar desta actitude, tivo unha época de bastante auxe, na que protagonizaba programas de televisión nos que se enfrontaba a animais salvaxes sen aparente medo. Un inconsciente, vaia, pero con sorte. Iso si, o protagonismo era exclusivo para el. Mais unha cousa é o éxito e outra a fama. E esta adoita ser efémera. A seguir, tivo soados enfrontamentos coa que era a súa muller, que acabou no cárcere por tráfico de drogas. Mentres ela quedaba de delincuente, Frank amosábase exemplar ata o punto de rexentar un «santuario» de animais. Podería chamalo santuario, pero non, el sempre tiña que ser máis. Nel aseguraba coidar dos exemplares que el mesmo recataba. Por se fose pouco, todo isto facíao mentres padecía cancro. Para canonizar, vaia.
Todo mentira. O santuario non era tal, non rescataba animais, mercábaos mutilados para provocar pena. Morríanlle as especies por neglixencia e negábao. Un embuste, igual cós coñecementos que aseguraba ter en veterinaria, falsos coma o cancro ou a mitomanía á que culpa deste comportamento. Pero... a quen lle sorprende? Sempre foi un cara lavada, non?