
Tiven sorte. Medrei nunha aldea da Costa da Morte en tempos máis lentos ca estes. Tiñamos menos interferencias e era máis doado gardar na memoria só as cousas importantes, as humanas. Todo canto me contaron contáronmo en galego, con gheada e con seseo, un idioma a través do que non só me legaron palabras, recollidas ou non no dicionario, senón un xeito de estar, pasando un pouco por riba do bo e do malo. Vivir humildemente. Non nos fai falta tanto. Tiven sorte, por iso e porque me criou unha avoa. Ao igual que Eva Castiñeira, Rosa e Adolfina Casás, Asunción, Prudencia, Teresa ou Manuela, pasou as súas. Fixo das letras que a ela lle ensinaran nas horas que espertan os mouchos unha prioridade para min. Ensinoume a ler, e por riba entregoume o tesouro da lingua. Fíxome rica e uniume para sempre a ela e a outros. Antonte chamei a un sitio en Galicia no que adoitan falar castelán e..., á primeira, galego. Traballemos pola esperanza. Rosa e Adolfina cantaban que, onde houbo lume, sempre queda un rescaldiño.