
O meu amigo Mark(os), excelente fotógrafo, envíanos varias estampas de manifestacións de apoio ao pobo palestino, «un pobo a piques da extinción», como el mesmo di. A última dende a praza de Callao, en Madrid. Debo recoñecer que, diante do que está sucedendo na chamada Franxa de Gaza e mesmo na Cisxordania, calquera discurso soa a retórica. E a impotencia. Polas mesmas datas chega a noticia do asasinato de dous mozos en Washington, fronte ao Museo Xudeu da capital, e non digo que non poidamos estar no principio doutras escaladas semellantes. Unha vez que prendeu a mecha, unha reacción en cadea non é cousa de desbotar.
Alguén dirá que todo empezou o 7 de outubro do 2023, cando Hamas, que é un grupo que practica o terrorismo, convén non esquecelo, asasinou impunemente na festa xudía da Simjat Torá a 1.200 asistentes, a meirande parte xente nova, e levou outras 250 persoas como reféns, das que moitas morreron, algunhas poucas foron liberadas e doutras apenas sabemos nada. A resposta do Goberno de Israel é impresionante, suma arredor de 50.000 mortos, cada día sobe a cifra un pouco máis; os movementos da poboación civil, arrastrada polo conflito, resultan abraiantes; as protestas da opinión pública occidental son un clamor, mesmo as organizacións internacionais. Mais a impotencia duns, a incapacidade para asumir decisións operativas (alén dos negocios das partes) e, sobre todo, a impunidade do Goberno israelita que preside Benjamin Netanyahu é escandalosa. Diante do terrorismo de grupo iluminado, terrorismo de Estado, non menos iluminado.
Alguén pensará que o conflito actual empezou aquel día terrible de outubro de hai case dous anos, repito. Demasiado fácil. O Exército israelí vén de mobilizar o que as crónicas denominan os carros de Xedeón para bater e acaso arrasar definitivamente a castigadísima terra de Gaza. Na Biblia, que na mentalidade fundamentalista do sionismo é utilizada coma un principio ideolóxico que todo o xustifica, Xedeón aparece no Libro dos Xuíces como un home de extracción humilde, fillo de Xoás, da tribo de Manasés, a quen Deus elixe para dirixir a loita do pobo contra os medianitas. Seica daquela os xudeus andaban perdidos noutras adoracións, principalmente o deus Baal, divindade de fenicios e cananeos, que sempre aparece incompatible co Deus do Antigo Testamento. Xedeón é elixido para poñer orde na comunidade, pois os profetas consideraban que perdera o norte e necesitaba un mando forte, autoritario, que a puxese en razón. Tal é o discurso que nestes momentos asume o Goberno de Israel. Os carros de Xedeón, na simboloxía do sionismo radical, representan a forza armada que, inspirada polo Todopoderoso, vén para aniquilar o inimigo. E exterminalo. A poder ser ata borralo da face da terra. Non eran moitos. O Libro dos Xuíces di que apenas trescentos. Pero terriblemente eficaces.