
Cando un homínido preparaba un refuxio no que protexerse e reproducirse, penso que non necesitaría un razoamento elaborado para elixir a mellor das solucións. Sinxelamente, facíao co que tiña ao seu alcance. O tránsito dunha actividade sen consciencia específica, construír, a outra intencionada, arquitecturizar se me permiten a palabra, foi paseniño e evolucionou de formas diversas segundo a xeografía e o clima.
Quizais foi a noción da propia continxencia, a consciencia da morte, a vulnerabilidade das femias en estado de preñez, a dor pola frecuente perda das crías, o que fixo necesario para a humanidade preservar os restos de inhumación, amoreando sobre as fosas túmulos de terra e pedras que se converteron en símbolos da transcendencia. A beleza e a fealdade, como a bondade e a maldade, son inseparables desde que contamos cun pensamento articulado. A admiración acrítica da beleza induce a mitificación, o rexeitamento sistemático da fealdade no humano chega ao racismo e o sexismo. A combinación das dúas categorías xera contradicións. O niño de cegoñas é intrinsecamente fermoso, pero seguramente aos veciños amólalles o crotoreo matutino das aves; o fotógrafo, pasaxeiro circunstancial, pode deplorar o enguedello de cables que dan servizos esenciais á poboación. O compendio das dúas cousas é parte da nosa realidade galega.
A suprema categoría estética é a sublimidade, que vinculamos ao inabarcable, o Universo, o mar ou unha paisaxe desde un cume, a arquitectura monumental, a gran literatura, unha sinfonía escoitada en perfecto silencio, ou quizais, para a xuventude, un concerto musical a todo volume. Todo isto pode producir unha especie de éxtase que, ao mellor, se comparte. Velaí o conclave e a proclamación do novo papa, a austeridade do ritual funerario de Francisco, o coidado protocolo, as vestiduras resplandecentes, os obxectos litúrxicos cheos de arte e historia, o mobiliario barroco, nunha arquitectura monumental que as cámaras achegan aos nosos ollos como unha nube envolvente. Tamén atopamos o sublime no pequeno, no indefenso, no que levanta compaixón cara aos nenos e os vellos.
Epílogo. O horror tamén é unha categoría estética, como demostraron arquetipicamente Conrad no Congo de Leopoldo II e Coppola coa guerra do Vietnam. A nós correspóndenos posicionarnos perante esas imaxes insoportables do crime inhumano e antihumano que está a perpetrar o goberno de Israel. O pobo palestino non é Hamas. A Conferencia Episcopal acaba de facelo claramente. A que esperan as demais institucións?