Cooperativismo en Galicia: unha realidade en expansión
OPINIÓN

Cada vez son máis as persoas que atopan no cooperativismo unha resposta viable e sostible ás súas inquedanzas laborais, económicas e sociais. Galicia é hoxe un territorio onde este modelo non só medra, senón que se consolida. Segundo os últimos datos do Ministerio de Traballo e Economía Social, no 2024 naceron 192 novas cooperativas, das que 174 son de traballo asociado. Galicia sitúase así como a segunda comunidade autónoma en creación de cooperativas e a que conta cunha mellor evolución nos últimos anos. Uns indicadores claros do seu dinamismo.
Estas novas cooperativas suman 571 persoas socias, das que 389 forman parte de cooperativas de traballo asociado, o que se traduce en empregos directos. Estes datos reflicten unha tendencia que vai alén da conxuntura: estamos ante un movemento que responde con intelixencia e creatividade a retos como a precariedade laboral, o despoboamento ou a falta de oportunidades no territorio.
O éxito das cooperativas de traballo asociado non é casual. É froito dunha cultura de colaboración arraigada, dunha estrutura de apoio sólida e dun tecido asociativo que sabe evolucionar e adaptarse aos tempos. Detrás das cifras hai persoas que deciden asociarse, compartir esforzos e construír colectivamente o seu futuro.
O cooperativismo, lonxe de ser unha fórmula minoritaria, preséntase como unha alternativa sólida, que combina viabilidade económica cun fondo compromiso social. É especialmente significativo que, mentres noutros modelos se debate sobre precariedade ou desigualdade, nas cooperativas falemos de emprego digno, participación real e igualdade.
A identidade cooperativa é profundamente democrática: baséase na xestión colectiva e na distribución equitativa dos resultados. Promove espazos de traballo inclusivos, cunha forte presenza de mulleres, e tece redes de apoio mutuo entre persoas e territorios. Neste contexto, EspazoCoop, como unión de cooperativas galegas, representa con voz activa o sector a nivel galego, estatal e internacional. A súa participación en redes e espazos de decisión contribúe a que Galicia estea presente alí onde se decide o presente e se constrúe o futuro do cooperativismo.
O avance do cooperativismo galego non é só unha boa nova para quen formamos parte del, mais tamén para toda a sociedade. Fala dun modelo que xera riqueza dende o local, que fortalece a economía real e que sitúa ás persoas no centro. E fala tamén da capacidade do noso territorio para innovar sen perder as raíces, para cooperar sen competir, para emprender sen excluír.