Fortalecer a formación médica en Galicia dende a Universidade de Santiago
OPINIÓN

Ao respecto da consideración da posible fragmentación dos estudos de Medicina, ademais das paixóns centrífugas desatadas, chama a atención a falta de evidencias que xustifiquen as demandas e reivindicacións das que estamos a ter coñecemento nestes días. Unhas demandas que creban un principio tácito de colaboración e solidariedade que de seguro traerá indesexables consecuencias en termos de confianza e cooperación dentro do Sistema Universitario de Galicia, socavando as bases dun modelo formativo que acredita solvencia incuestionable e elevada calidade na preparación profesional do seu estudantado.
É, precisamente, o estudantado a comunidade que se vería máis afectada polo unilaterialismo co que se ten iniciado este inaudito camiño, sen que en ningún momento se teña posto o foco nelas e neles: nos futuros profesionais da Medicina que formamos dende a experiencia contrastada da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, a través duns estudos que son patrimonio de Galicia, froito dun proxecto colectivo que conta coa implicación de excelentes docentes e profesionais, aproveitando as capacidades do noso sistema sanitario para ofrecer a mellor formación ao noso estudantado. Porque este é o obxectivo último, pero pouco (ou nada) se ten falado de que achegaría á formación un novo marco.
A fragmentación non só reconfiguraría os estudos de Medicina en Galicia, senón que de seguro tería réplicas no deseño e nas dinámicas de articulación do restante mapa de titulacións ao quebrar regras de xogo baseadas na procura de consensos e dun equilibrio o máis sensato posible entre a inercial tendencia á expansión das institucións académicas e a contención dos recursos limitados.
Lonxe de pulsións desintegradoras, inxustificadas e que de seguro nos farían perder relevancia, Galicia debe apostar por fortalecer o actual ecosistema investigador biosanitario de vangarda, no que cómpre salientar especialmente o labor do IDIS, referente a nivel estatal dentro dos institutos de investigación sanitaria acreditados, e o CIMUS, así como as iniciativas emprendidas desde a Cátedra USC-PLEXUS de Medicina Personalizada e de Precisión, e as sinerxías competitivas e con responsabilidade social ás que contribúen outros centros de investigación, como CITIUS, CIQUS ou CITMAga.
Lonxe de divisións de consecuencias irreparables, debemos coidar ás e aos excelentes profesionais que poñen seu coñecemento e a mellor dedicación na formación dun estudantado que, como demostran os excepcionais resultados do mir, prestixia os sistemas universitario e sanitario galegos e son a semente do sistema de saúde futuro.
Por iso, trasladar temerariamente ao local, sen fundamento sólido e análise de impacto futuro, este debate parece facernos esquecer o que realmente nos debería ocupar: a construción dun sistema universitario de Galicia e para Galicia; un sistema forte dende o público, cunha visión conxunta do que debemos aportar ao país, apostando pola consolidación do ecosistema de investigación biosanitaria que temos, e co obxectivo posto en ofrecer a mellor formación posible ao noso estudantado. Cómpre recoñecer o labor excelente dos profesionais da Facultade de Medicina e Odontoloxía e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que desempeñan un papel fundamental na formación do estudantado. Os cuestionamentos dos que somos testemuña non fan xustiza ao compromiso, á calidade docente e á entrega destes profesionais, que cada día dedican tempo, coñecemento e vocación á formación dunha sanidade pública humana e preparada para os retos do presente e do futuro. O seu traballo, xunto coa colaboración de profesionais doutros centros na docencia clínica, ten constituído a base dunha atención sanitaria de excelencia, e así debe ser recoñecido. Unha colaboración que foi posible grazas ao acordo ao que se chegou no ano 2015, e que sen dúbida debe volver a ser o marco que permita un mellor aproveitamento das capacidades do sistema co obxectivo de seguir a dar a mellor formación a quen vai coidar de todas e todos nós.