As nosas portadas

OPINIÓN

Rocío Ruz | EUROPAPRESS

04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estou lendo un libro no que o protagonista viaxa e, para informarse, le un xornal do lugar destino. Estes días practico a desconexión, así que non puiden evitar mirar España nas portadas desde os ollos dun foráneo.

Atoparía a incesante violencia de xénero e un panorama político desolador. Altos cargos do Goberno investigados por enriquecemento persoal a partir das arcas públicas. Chamaríame a atención e lería en profundidade. Resultaríame cómico que o secretario de organización do partido do gabinete asegurase poder probar a súa inocencia e, logo do primeiro interrogatorio, acabase no cárcere. Buscaría a razón de que o Goberno se mantivese en pé e atoparía a oposición pedindo dimisións e eleccións xerais e, á par, os dirixentes escudándose en non seren os únicos con lixo nos equipos, así calquera erro da oposición convértese en carta branca para xustificar a permanencia (digna e lícita, din) nos postos.

Dun e doutro bando acúsanse de criminais e membros de bandas organizadas. Está entretido o país! Por se fose pouco, os xubilados (ex-presidentes e outros cargos) arremeten contra o propio, afectados dunha grave amnesia, pois ningún lembra as penurias mentres gobernaban, nin os erros cometidos. Están nesa altura da vida na que son superiores só con superalos en idade.

Cómico, dixen, porque me imaxinaba unha estranxeira aterrando aquí. Como paisana, sinto vergoña de contar cunha clase política ben mediocre. Oxalá marchasen todos. Pero ninguén, ninguén!, quere abandonar o poder.