
A Illa de Arousa é un lugar case idílico para o deleite. Pasear falando cos seus habitantes e contemplando as costas de enfronte, nas que os erros urbanísticos e construtivos se atenúan porque á distancia todo parece pequeno.
Foi un acerto protexer a tempo as illas atlánticas, mais hai que permanecer atentos porque Galicia, co cambio climático, aparece como un obxectivo idóneo para as segundas residencias, un refuxio climático onde podería chegar a ser «sostible» construír en solos protexidos.
Hoxe A Illa vai recuperando o patrimonio e rehabilitando o centro. O problema arestora é establecer o límite, non só co planeamento senón tamén no que atinxe á ocupación e os usos con chiringuitos e aparcamentos. E, ao tempo, prestar atención á arquitectura miúda de muros e peches, aos cables, ás mansardas que en Galicia non se sabe facer, ao color caldeiro que prolifera nas fachadas, ás pistas feitas de parches.
Hai 25 anos argumentaba nestas páxinas por que o crecemento económico e a indiscutible mellora social de Galicia tiveron que facerse a costa do territorio e da mala conservación e expansión de vilas e cidades. O «feísmo» constituía daquela un interrogante como expresión dunha patoloxía tan galega, en contraposición á harmonía que herdáramos da austeridade tradicional e do decoroso estilo burgués en vilas e cidades. Beleza e fealdade, ben e mal, aparecen como termos contrapostos hai máis de dous mil anos, pero a súa apreciación vai evolucionando cos tempos.
Contra o feísmo, a Xunta de Galicia propuxo o fermosismo. Non o considero un termo apropiado, porque parece unha reacción. Neste programa hai operacións plausibles que mostran que non se trata tanto de embelecer como de rehabilitar. Intervir sobre as casas e os camiños con criterios contemporáneos, saber renunciar á opulencia das mansión de centos de metros cadrados, regularizar aliñacións, apostar pola sinxeleza, a economía e a reversibilidade, illando ben os inmobles para aproveitar a luz e a calor do sol, tratar os espazos comunitarios sen dureza.
A Xunta, os concellos e o Colexio de Arquitectos deben colaborar na promoción de concursos para arquitectos novos, e a Escola de Arquitectura transmitir aos estudantes estas prácticas simples, que comenzaron no seu día coa Oficina de Rehabilitación de Santiago.
En fin, unha arquitectura reparadora que pase inadvertida, unha toma de conciencia das Administracións, a poboación local e os promotores a fin de evitar os maltratos ao país e non ter logo que emendalos ou lamentalos.