
A ollada máis convencional que, fóra e dentro, se ten sobre a capacidade de Galicia para afrontar o desafío dos cambios acostuma ser entre negativa ou dubitativa. Tal vez sexa debido aos estereotipos que se levan construído sobre Galicia (Irlanda española, esquina verde, xentes de «almas rendidas») como á escasa maña para construír un relato de nós. Certamente, temos dificultade para dar conta das mudanzas pero, en realidade, estas nunca escasearon. Abonda reparar no que é a Galicia de hoxe, ben distinta da dos nosos avós. Nas últimas décadas, que coinciden co réxime autonómico, mudou a composición da sociedade, os modos de ocupar (ou abandonar) o territorio, a capacidade de se conectar co resto do mundo e, desde logo, as ferramentas coas que construír o inmediato futuro. Son mudanzas que, de forma aparente, están relacionadas coa experiencia do pasado, pero que non necesariamente foron planeadas nin foron «intencionais». Da forma máis inxenua poderiamos dicir que aconteceron.
Qué caracteriza a Galicia do século XXI? Pois que están a desaparecer de repente o que pensabamos eran os grandes logros ou eivas do pasado. Galicia deixou de ser campesiña, potencia pesqueira, terra de emigrantes, recursos naturais desaproveitados ou de estar illada. No seu canto, hai granxas de monocultivo leiteiro, inmigrantes, aldeas e terras abandonadas á espera dun mellor uso e, sobre todo, cidades con grandes áreas suburbanas, unha maior integración no espazo europeo e potentes empresas que hai medio século nin existían. A sociedade galega pasou en poucas décadas de ser primaria a terciaria e mesmo ser capaz de atraer inmigrantes. As mudanzas están diante de nós, pero co seu andar silandeiro, apenas somos conscientes do que está pasando, salvo en pequenos detalles, como unha conversa no solpor en calquera vila galega, na que se mestura cosmopolitismo e chamada da tribo: semana en Londres ou París e finde na Ribeira Sacra, poño por caso.
Na nosa historia podemos encontrar algunhas claves deste comportamento. Unha delas é que o pasado de Galicia está cheo de momentos cruciais, nos que aconteceron grandes mudanzas que foron realizadas de modo tan silandeiro como eficaz. A razón é que se trata de procesos aparentemente modestos. Pois que resultou da revolta irmandiña senón unha profunda remuda social, na que os falcóns foron substituídos polos pardais, isto é, os señores polos campesiños. Ou como se fixo a primeira fase da revolución agraria propia do mundo occidental, senón universalizando a propiedade parcelaria e, ao tempo, introducindo medidas agronómicas grazas á mobilización agrarista e aos recursos procedentes da emigración.
Aquela modernidade do primeiro terzo do século pasado, presente no agro e no mar, na cidade e na empresa, no pensamento e na arte, foi a parteira da Galicia dos nosos avós. Esta é a Galicia que está a mudar de modo radical, acompasada coa aceleración da historia propia do noso tempo, como aconteceu a pequena escala nos tempos dos irmandiños, dos agrarios ou dos emigrantes. A sociedade galega actual é herdeira daqueles logros, pero debe ser capaz de superar novos desafíos e construír un futuro con ferramentas que temos máis a man: coraxe comunal, responsabilidade política e non ficar á espera de que outros acheguen as solucións.