O emprego tira da economía

Manuel Lago
manuel lago DEPUTADO DE SUMAR NO CONGRESO POR A CORUÑA

OPINIÓN

Carlos Lemos | EFE

31 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os datos da EPA e do PIB que publicou o INE estes días son realmente espectaculares. España é a economía que máis medra e o país que máis emprego crea na Unión Europea. A España dos 22 millóns de persoas con traballo está medrando ao 2,8 % interanual no segundo trimestre de 2025, unha cifra que moi probablemente se consolidará no conxunto do ano.

España medra tres veces máis ca media da Unión Europea e catro de cada dez empregos que se crean en Europa localízanse no noso país. Lembremos que na crise financeira do 2008 España era dos países en peor situación económica e hoxe está ná vangarda europea.

Na fase actual da economía española, o motor do crecemento é a demanda interna, que ten unha dinámica positiva moi intensa nos seus tres compoñentes básicos. En primeiro lugar, medra de forma moi elevada, un 5,3 %, o investimento, tanto público como empresarial. É unha excelente nova, porque se trata dunha variable clave na modernización da economía e porque foi a última en sumarse ás taxas de crecemento positivas.

Tamén medra, aínda que menos (un 1,8 %), o gasto público, que inclúe desde as pensións ata o que se inviste en sanidade ou educación. E sobre todo medra un 3,5 % o gasto das familias, que é o factor máis determinante no crecemento do PIB, porque é o compoñente que ten máis peso na demanda interna.

En síntese, a economía medra porque aumenta o gasto das familias, porque se recupera de forma intensa o investimento e porque o Estado destina máis recursos a pensións, sanidade ou educación.

Agora ben, que factores explican que siga aumentando o gasto das familias? Unha parte da explicación é a mellora sostida das pensións e doutras prestacións públicas, como a protección por desemprego, por exemplo, que medran polo menos ao mesmo ritmo ca os prezos, o que asegura o mantemento do seu poder adquisitivo.

Pero a razón fundamental é a evolución positiva do mercado de traballo: nos fogares hai máis xente con emprego e cobrando mellores salarios.

Os datos son concluíntes. O Instituto Nacional de Estatística estima que, no segundo trimestre do 2025, a remuneración das persoas asalariadas aumentou un 7,6 % interanual. Un crecemento moi importante que se basea nun aumento do 3,7 % do emprego e do 3,8 % dos salarios. Este é o factor determinante da fase expansiva do noso ciclo económico: máis emprego e mellores soldos que aumentan a renda dos fogares e que se traduce finalmente nun maior gasto.

Pero hai máis, porque tamén medra a produtividade. Cos últimos datos do Instituto Nacional de EstatísticaNE, a produtividade por hora traballada aumentou un 1,5% interanual. Por primeira vez na nosa historia, o emprego e a produtividade medran de forma simultánea. Unha combinación virtuosa porque permite dar resposta ao mesmo tempo a dous problemas históricos do noso país: o elevado desemprego e a baixa produtividade.

A economía española está nun círculo virtuoso no que o emprego é o que tira do PIB. Os fogares teñen máis renda e, polo tanto, gastan máis, o que aumenta a actividade económica, o que obriga as empresas a contratar máis persoal, retroalimentando ese ciclo emprego/PIB.

Un círculo virtuoso que ten a súa orixe no cambio de paradigma laboral que se produciu en España nos últimos anos. Pasamos da temporalidade abusiva e da devaluación salarial da década da austeridade ao emprego estable da reforma laboral do 2021 e ao incremento dos salarios impulsado polo aumento do 61 % do SMI.

Para rematar, unha nota negativa que reflicte o INE: como España está medrando moito máis ca os nosos socios, unha parte dese crecemento está saíndo fóra do noso país, porque o que mercamos fóra medra máis do que vendemos.

A nosa economía leva unha década cun saldo exterior positivo, pero nos últimos trimestres a realidade é que a demanda externa nos está restando crecemento: no segundo trimestre de 2025 restounos 0,4 puntos ao PIB en termos interanuais.