O tren

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARBILLAS

OPINIÓN

Santi M. Amil

31 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No sur de Mesopotamia, na cidade de Ur, os carros circulaban por fendas que non permitían o seu desvío. Rodeiras que guiaban as carretas. Cidades do Tigris e Éufrates fixeron dun primitivo raíl o invento que acompañaría a gran revolución das rodas e carradas. Moitos séculos despois no Reino Unido descubriron a máquina de vapor. A máquina levounos ao tren. O tren uniu vilas e culturas. Significou un adianto magnífico para industrias e persoas. Neste tempo o tren é un medio de transporte que nos revive. O meu Verín non tivo sorte co tren. A lenda negra afirma que os poderosos non o querían e por iso non hai vías na miña terra. Porén, a poucos quilómetros, na Gudiña, paran os trens rápidos pagados cos impostos de todos. Unha decisión arbitraria privou á comarca dos máis imprescindibles horarios ferroviarios. Mágoa. Porque poñerse da Gudiña en Madrid leva pouco máis de dúas horas. Unha ventura. Alguén pensou que paraban moitos trens na Gudiña. E quixo recortalos. Parece ser que agora os viaxeiros de Vigo aforrarán dez minutos para chegar á capital. O alcalde, socialista, encantado. O ministerio de Transportes, socialista, foi o responsable. O presidente do Goberno, socialista, tamén o consentiu. Que non nos falen máis da España baleira. Nin da importancia do rural cando decisións coma esta destrúen futuro e prosperidade. Ao tren da Gudiña acoden xentes do norte de Portugal, da comarca de Monterrei, Conso Frieiras, Viana, as terras de Valdeorras, etcétera. Ducias de miles de seres humanos. Vivimos con decisións inxustas. Non podemos volver aos tempos de Ur, en carretas. E non nos renderemos, señor ministro.