
Nos últimos anos, unha marea negra procedente dos escuros portos do machismo organizado avanza lenta pero constante, embazando a reputación das mulleres que ocupan espazos públicos, especialmente cando se identifican como feministas. Como unha sombra viscosa que se deita sobre o mar, deixa unha estela de silencio e medo, tentando engulir as palabras que rompen a noite, intoxicando a percepción social da loita pola igualdade.
Profesionais da medicina, da xudicatura, do xornalismo ou da política sofren ataques constantes e organizados, moitas veces dende as redes sociais, por defender dereitos humanos básicos. Estes ataques non se centran tanto nos seus argumentos ou decisións profesionais, senón que apuntan directamente á súa condición de mulleres e ao seu compromiso co feminismo. A estratexia é silenciar, humillar, facer desaparecer.
O acoso non se limita ás vítimas directas. Penetra nas augas máis profundas da opinión pública, enturbando o pensamento crítico e sementando falacias aparentemente inofensivas: «Non son feminista nin machista». Acaso é posible ser racista e antirracista? Esta falsa equidistancia, tan estendida como perigosa, parte dunha distorsión, porque o feminismo busca a igualdade, o machismo —supremacista— defende a desigualdade. Diante da inxustiza, a neutralidade é complicidade.
Neste clima de crispación, calquera muller que fale de violencia machista, dereitos sexuais ou igualdade salarial convértese en obxectivo dunha fustrigada que non se limita á crítica política, senón que utiliza a mentira, a difamación e a violencia simbólica e psicolóxica. A fiscala Susana Gisbert é unha das vítimas máis visibles desta nova caza de bruxas. A campaña contra ela non se limitou á crítica profesional —lexítima nunha democracia—, senón que derivou en ataques persoais que chegaron mesmo á súa filla, nunha tentativa de destruír tamén o seu contorno emocional.
Sen entrar a valorar o asunto xudicializado —que terá a resposta que corresponda nos tribunais—, o seu caso obriga a reflexionar sobre a resistencia que aínda existe fronte ao avance dos dereitos das mulleres, sobre os límites do discurso público, a responsabilidade das redes sociais e a necesidade de protexer a quen defende os dereitos fundamentais. Non é un episodio illado, senón parte dun acoso sistemático contra mulleres que traballan pola igualdade e contra a violencia. Este fenómeno non é novo, pero intensificouse coa expansión das redes sociais como espazos de discurso público, onde o anonimato e a inmediatez favorecen ataques covardes e deshumanizantes.
Esta violencia non é anecdótica nin espontánea: responde a unha reacción organizada contra o feminismo e contra os avances sociais. A misoxinia disfrázase de liberdade de expresión, pero o que se practica é violencia de xénero na súa versión máis contemporánea: pública, masiva, dixital e impune.
Cómpre, máis alá da lei, un cambio cultural e político que deslexitime estas prácticas e rompa coa súa normalización. Como sinalou a actriz e activista Ashley Judd, fronte ao acoso dixital: «A solución máis fácil sería desaparecer de internet… Pero dixen non. Non vou marchar. Vou seguir sendo quen son e usando a miña voz. Teño dereito a estar aquí».
As mulleres feministas tamén.