A trata, crime de sombras e silencio

Sandra María Piñeiro Vilas PRESIDENTA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE LUGO

OPINIÓN

María Pedreda

13 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai datas que deberían ser imposibles, como o pasado 30 de xullo, Día Mundial contra a Trata de Persoas, que pretende concienciar a cidadanía e, sobre todo, os gobernos sobre a grave problemática que supón a expansión deste delito a nivel mundial. No ano 2013, a ONU decidiu poñer luz sobre esta realidade abafante e crúa. Porque nomear este crime é nomear a dor sen rostro, a escravitude moderna que se oculta tras vitrinas de normalidade. Supón unha grave violación dos dereitos humanos, pero non é só un delito: é un negocio, unha industria do horror que opera sen fronteiras, alimentándose da desesperanza e agochándose detrás de falsas promesas.

Para o 2025, o lema escollido resoa como un berro: «A trata de persoas é un crime organizado: acabemos coa explotación!».

España é país de orixe, tránsito e destino, onde se escoita o latexar mudo das cadeas. As vítimas son mercadoría para o beneficio alleo. O seu crime? Ser vulnerables nun mundo que penaliza a supervivencia.

A trata explota mulleres e nenas no sexo forzado —forma máis común— e na pornografía, vinculada a estruturas patriarcais, normas de xénero e sistemas que reproducen a inxustiza social, nun contexto marcado pola feminización da pobreza, os conflitos armados, a exclusión educativa e a fraxilidade das leis. Tamén as obriga a matrimonios forzosos, incluídos os mal chamados matrimonios infantís. Dúas de cada tres vítimas da trata son mulleres. A nivel mundial, unha de cada cinco vítimas é menor.

Tamén impón traballos forzados, escravitude, servidume, mendicidade. Constrinxe a vivir coa fronte esmagada contra o chan da dignidade.

Expón á extracción de órganos corporais, ou, como nos relatos distópicos de The Handmaid's Tale, á xestación para outras persoas en condicións de submisión.

Obriga a cometer delitos. Centos de miles de persoas permanecen atrapadas en centro dedicados a estafar. Estas operacións de criminalidade forzosa calcúlase que xeran uns 40.000 millóns de dólares ao ano, e, aínda así, continúan invisibles. Urxe que os sistemas xudiciais distingan a supervivencia do delito, a coacción da responsabilidade; que as vítimas deste abuso sexan protexidas e non castigadas por actuar forzadas.

Porque a trata é sutil, muta. A escravitude de hoxe non leva cadeas nin grillóns, senón contratos fraudulentos, redes dixitais, promesas de futuro e a fachada de normalidade. As redes criminais aproveitan os desertos legais e as fronteiras laxas, os conflitos prolongados, as plataformas dixitais, as leis migratorias discriminatorias e desastres ambientais que empurran ás familias cara á pobreza e ao desprazamento.

Cómpre investir en formación, acollida e reparación. As vítimas coñecen a escuridade dende dentro e poden afiar fendas na pedra da inxustiza.

A resposta ten que ser feminista, centrada nos dereitos humanos. Sen vontade política, recursos e coordinación entre todos os actores, a trata seguirá operando con impunidade, comprometendo o presente e o futuro de millóns de persoas. Seguirá mutando, disfrazándose de promesa, de oportunidade, de saída. Loitar contra a trata é loitar por outro mundo, no que ninguén leve prezo. Onde a dignidade non se negocie.