Trump, o moderno Metternich

Iván Arias Balsa PROFESOR NA FACULTADE DE DEREITO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

OPINIÓN

Jonathan Ernst | REUTERS

15 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia tennos sempre exemplos que nos indican moito de como van as cousas na actualidade. Entre o 1814 e o 1815 desenvolveuse o Congreso de Viena, convocado por Klemens, príncipe de Metternich, para recompoñer, no posible, os equilibrios de poder europeos previos á Revolución francesa e ás guerras napoleónicas. Mais con cambios substanciais. Primeiramente, porque se recoñecían unha serie de «potencias» (Austria, Prusia, Rusia, o Reino Unido), ás que posteriormente houbo que sumar Francia (que no comezo quedaba fóra, aínda que despois amañou a situación o astuto Talleyrand, réptil de pel mutante, en exclusivo beneficio propio). A maiores desas potencias, aínda que tamén participasen no Congreso, quedaban Portugal, España, os pequenos Estados e principados alemáns e italianos, os reinos do norte de Europa… Por certo: as pretensións españolas foron representadas en Viena por un maxistrado bastante inútil e basto, Gómez Labrador, que só foi alí reclamar a protección da cuestionada soberanía española sobre os territorios americanos, e que devolvesen o reino das Dúas Sicilias aos Borbóns, sen éxito ningún.

O Congreso, lonxe de consistir nunha reunión de moitas partes, levouse a cabo dunha forma brillante, luxosa, e onde se conseguía moito parecendo traballar pouco («o Congreso baila, pero non marcha» se chegou a dicir): banquetes, concertos, saraos e festas onde se mesturaba ocio con negocio, se establecían contactos, se armaban e reconducían intrigas, e ata onde chegaron unha especie de protolobbies que financiaban e incluso organizaban tanto arroallo (os Arsntein, Eskeles, Rotschild…), tamén para lograr obxectivos particulares e incluso colectivos (o mantemento da plenitude de dereitos que Napoleón estendeu para os xudeus en toda Europa). Despois das polcas, valses e contradanzas, o que se facía, en esencia, eran encontros entre dúas ou un máximo de tres potencias. Ou dúas potencias e unha potenciña. Negociando de costas, transaccionando os intereses entre dous. E prometendo a uns e outros todo o contrario do prometido a outros anteriormente. Gómez Labrador, o español, en todo ese tempo, nin deu unha soa festa, e ás poucas reunións ás que o convocaron foi coa mesma teima: América e Italia. Wellington chegou a dicir del que era «o home máis estúpido que vira na súa vida».

Hoxe, Trump xoga a ser Metternich, Talleyrand ou Pozzo di Borgo (embaixador ruso en Viena). El sinala cales son as potencias. El convídaas á súa casa. El determina cales son as potenciñas e incluso as insulta en público, chegados ao caso (que lle fixo a Zelenski?). El se reúne bilateralmente con Putin, obviando toda orde internacional de detención que se lanzou contra este último dende a Corte Penal Internacional. E con Putin trata de Europa, de Ucraína, de Oriente Medio ou do que sexa sen considerar nin minimamente a necesidade de convocar ós interesados a participar do trato. El sabe que é potencia, e reduce a menos da nada, a potencias pigmeas, a toda unha Unión Europea que, aparvada, acude á casa de Trump en Europa (o seu club de golf en Escocia) a ser insultada e humillada, coma se Ursula von der Leyen fose a transmutación de Gómez Labrador, teimando sempre co mesmo sen que lle fagan ningún caso. Promete Trump a uns o prometido a outros, coma unha especie de mercachifre que coloca a mesma burra avariada a todo o mundo. Contempla e dá a batalla contra China, decatándose de que é a potencia a bater, no tecnolóxico e no económico.

E, mentres, Europa sen ofrecer un baile nestas novas relacións internacionais ao modo do Congreso de Viena.

Dubido que Trump lea moita historia, nin saiba nada de Metternich, pero parece digno discípulo. E a culta Von der Leyen, o mesmo, pero de Gómez Labrador.