Sostibilidade insostible

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

16 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante as evidencias do cambio climático, Galicia xa é un refuxio elixido por propios e foráneos. Hai onde escoller. A cornixa cantábrica con temperatura fresca e augas mornas, a atlántica, desde Ortegal á desembocadura do Miño, con clima máis cálido e augas máis frías, e a gran Galicia interior, a que arde para a nosa desgraza.

Domingo Fontán, catedrático de Matemáticas Sublimes, un dos ilustres do Panteón de Galicia, logo de percorrer o país a pé e a cabalo, debuxou a Carta Xeométrica que Otero Pedrayo deu en denominar «o rostro de Galicia». Penso que cumpriría trazar o novo rostro de Galicia, un plano no que se xunten todas as iniciativas públicas e privadas que se están a desenvolver ou programar. Aeroxeradores, piscifactorías, asentamentos industriais en parques ou diseminados, infraestruturas que adoitan romper o territorio, áreas de crecemento das cidades e dos municipios limítrofes, que van cada un polo seu lado, os usos edificatorios no solo non urbanizable, o monocultivo do eucalipto, os principais enclaves turísticos e o corolario de ocupación da costa, as demandas de explotación do litoral, a cartografía dos prezos do solo e dos incendios… Aínda que conten con informes sectoriais e licenzas que os amparen, poderiamos decatarnos de que, en conxunto, Galicia quizais empezaría a ser insostible.

Con toda esa información veriamos, máis alá das directrices e os plans, a compatibilidade ou incompatibilidade entre as iniciativas para poder compartir o esencial da Galicia futura, aquela da que fala David Chipperfield cando reclama que non coidemos só o pasado, senón tamén o porvir. Sirvan de exemplo dous factores que hai que relacionar hoxe cunha mirada longa: o turismo e os parques eólicos. Nin un nin os outros poden ser obxecto de deosto, pero é probable que cando as enerxías alternativas sexan distintas aparezan iniciativas de edificar nas abas e os cumios dos montes, seguramente sostibles e incluso con boa arquitectura. O termo sostibilidade vaise degradando á medida dos intereses particulares, ao non contextualizalos no conxunto.

Cando nos poñemos transcendentes concluímos que fai falta un grande acordo político, pero as crises sempre chegan antes. Por iso, cómpre reclamar unha vez máis unha ética e un esforzo territorial en común que nos comprometa a todos no desafío de coidar o país para logo non ter que remediar as desfeitas. Galicia ten que combinar a transformación e a conservación coa economía e a cultura, a partir da súa valiosa realidade xeográfica física e humana.