Nacionalmachismo

Sandra María Piñeiro Vilas PRESIDENTA DE LA AUDIENCIA PROVINCIAL DE LUGO

OPINIÓN

ARCHIVO XAN FRAGA

20 ago 2025 . Actualizado a las 17:53 h.

O franquismo foi, ademais dunha ditadura política e militar, un réxime profundamente nacionalista e machista que acabou radicalmente con toda a expresión de liberdade republicana. A súa estrutura ideolóxica asentábase nunha sociedade xerárquica e excluínte, onde a muller non era recoñecida como suxeito pleno de dereitos, senón como satélite do home —pai ou marido—. A legalidade franquista non só limitaba a súa participación política e social, senón que institucionalizaba a súa subordinación a través de leis, costumes e mecanismos de control que penetraban na intimidade familiar.

O Código Civil, adaptado á moral nacionalcatólica, prohibíalles ás mulleres casadas traballar, exercer o comercio, dispoñer do seu patrimonio, vender os seus bens ou gravalos con hipoteca, solicitar o pasaporte, abrir contas bancarias ou viaxar sen permiso do marido. A potestade sobre os fillos era exclusiva do pai, que mesmo podía dalos en adopción sen consenso da nai. Só a ausencia ou incapacidade paterna lles permitía ás mulleres exercer certas funcións tutelares. A Lei de 2 de maio de 1975 derrogou a licenza marital.

A educación franquista orientábase a formar «boas esposas e nais», negándolles autonomía intelectual e profesional. O discurso oficial xustificaba que cada sexo debía educarse separadamente para preservar as súas características «naturais», pois a mestura dos sexos era vista como unha ameaza, xa que levaría á masculinización das mulleres e feminización dos homes. Pilar Primo de Rivera afirmaba que ás mulleres non lles estaba reservado o «talento creador» e debían concentrarse no labor doméstico e familiar.

A Sección Feminina de Falange exercía un papel central neste adoutrinamento, inculcando que a realización vital da muller residía no servizo ao home e á patria.

As mulleres solteiras e as nais solteiras, sinaladas como desviadas e perigosas, víanse atrapadas baixo a Lei de Perigosidade e Rehabilitación Social e a Lei de Vagos e Maleantes. Sometidas a vixilancia, internamentos e tratamentos psiquiátricos, sufrían unha dobre represión, estatal e social, que as illaba e discriminaba limitando a súa vida familiar, laboral e persoal.

O franquismo empregaba a legalidade como instrumento para perpetuar a desigualdade e exclusión das mulleres que non encaixaban no modelo tradicional. A violencia simbólica e material contra elas era sistémica: control da sexualidade, limitación das aspiracións laborais e desprezo institucionalizado á independencia feminina.

Cincuenta anos despois do fin da ditadura, resulta preocupante a aparición dun discurso negacionista que intenta presentar o franquismo como respectuoso cos dereitos das mulleres («vivíase mellor», «as mulleres estaban protexidas»). Esa suposta protección era en realidade tutela e control, un relato que desactiva a memoria histórica e oculta as voces das que sufriron a imposición de roles e a exclusión da vida pública.

Estamos ante unha revisión interesada da historia que busca minar os avances conseguidos en igualdade, xustificar retrocesos e reinstaurar discursos incompatibles coa democracia e os dereitos humanos.

Recoñecer o franquismo como unha ditadura nacionalmachista é un deber democrático, non un exercicio de vinganza. É asumir que a liberdade e a igualdade non foron concesións, senón conquistas arrincadas á opresión. Negar esta realidade é faltar á verdade e abrir a porta a que a historia se repita.