Cando a finais do século pasado iniciamos o proceso de informatización da Administración educativa, estabamos convencidos de que este avance ía supoñer a desaparición do clásico exceso de burocracia, pero o tempo demostrou o contrario. Os procesos complicáronse aínda máis co traballo online, e o papelame apenas diminuíu. Nun artigo que publiquei neste xornal hai máis de dous anos urxía a redución desta tolemia e recoñecía que os que tivemos responsabilidades no goberno da educación instauramos nos centros educativos, moitas veces sen darnos conta, unha burocracia esaxerada. A creación constante de normas, proxectos, plans e programacións, así como a petición urxente de todo tipo de datos e informes, enreda a directivos e docentes, en detrimento de actividades esenciais nos centros, comezando pola docente.
Hoxe hai que felicitar ao conselleiro de Educación por dar este paso, coa presentación dun plan que reduza os procedementos burocráticos en todos os ámbitos da Administración educativa. Só nos centros escolares hai moitos proxectos obrigatorios sobre aspectos organizativos, curriculares, de atención á diversidade, lingüísticos, de orientación ou de convivencia; e non deixan de medrar os acrónimos que os representan, como PXA, NOF, DOC, ACI, PAD, PAT... Varios destes plans veñen facéndose máis para cumprir coa Administración ca con carácter realista, polo que supoñen un desbalde de traballo e de tempo. Exemplos son as programacións xerais anuais dos centros ou as programacións didácticas, que ocupan moitas páxinas cargadas de grandes aspiracións, en moitos casos utópicas.
Xa que logo, o problema non está só en reducir e simplificar toda esta documentación, senón tamén en conseguir que teña utilidade real nos centros e que sexa avaliada, co obxectivo de acadar unha continua mellora. Os bos mestres, con vocación de ensinanza e non de administración, necesitan moi pouca burocracia. As súas programacións han ser sinxelas, realistas e útiles na aula, e non documentos complexos, copiados de boletíns oficiais, coa principal finalidade de non se saír da norma.
O plan que acaba de presentar a Consellería de Educación debe facilitar, ademais, un equilibrio entre a documentación dixital e a impresa en papel. É esencial que se impriman só os arquivos imprescindibles, pois a Administración segue a gastar innecesarias cantidades na duplicación destes. Os centros educativos acumulan nos estantes edicións en papel, mesmo a cor, que en moitos casos acaban na papeleira antes de seren utilizadas.