
Unha flotilla de trinta barcos, denominada Global Sumud, partiu do porto de Barcelona coa finalidade expresa de romper o bloqueo imposto por Israel sobre a Franxa de Gaza. A expedición congrega cidadáns de 44 países e pretende entregar subministracións de primeira necesidade e visibilizar ante a opinión pública mundial a dimensión do asedio e a urxencia da intervención humanitaria.
A situación actual en Gaza constitúe un escenario paradigmático de vulneración sistemática do Dereito Internacional Humanitario (DIH), tal e como foi configurado polos Convenios de Xenebra de 1949 e os seus protocolos adicionais de 1977. Estes instrumentos normativos establecen, entre outros principios, a distinción entre combatentes e poboación civil (art. 48 do Protocolo I), a prohibición dos ataques indiscriminados (art. 51 e 57 do Protocolo I), o dereito da poboación civil a recibir asistencia humanitaria imparcial (art. 70 do Protocolo I) e a prohibición expresa do fame como método de guerra (art. 54 do Protocolo I).
A substitución das operacións humanitarias tradicionais da ONU pola xestión da Gaza Humanitarian Foundation (GHF), unha entidade privada estadounidense con respaldo israelí, representa unha alteración substancial destes principios. A imparcialidade e neutralidade, esenciais no DIH (recollidas tamén nas Resolucións da Asemblea Xeral e do Consello de Seguridade da ONU), vense comprometidas coa concentración da axuda en catro puntos de distribución, sen cobertura adecuada para máis de dous millóns de habitantes. Centos de mortes por tiroteos ou malnutrición, así como decenas de miles de falecidos desde o inicio da guerra, evidencian que o sistema da GHF incumpre os estándares mínimos de protección humanitaria. Mesmo Donald Trump recoñeceu a existencia de fame masiva, e a apertura anunciada por Mike Huckabee de máis puntos de distribución non conseguiu deter a crise.
Neste contexto, o plan aprobado polo Goberno de Netanyahu para ocupar a cidade de Gaza —onde se concentra arredor dun millón de civís— vulnera o principio de proporcionalidade (art. 51.5.b do Protocolo I), pois calquera operación militar nun espazo densamente poboado provoca inevitablemente vítimas civís masivas e destrución indiscriminada.
O argumento de que a guerra busca unicamente «eliminar a Hamás», como defende Netanyahu, non pode servir de xustificación para accións que afectan de xeito desproporcionado á poboación civil e supoñen a violación do DIH.
O bloqueo case total da axuda, xunto coa destrución de infraestruturas esenciais, pode ser considerado crime de guerra ao empregar a fame como método de combate (art. 8.2.b.xxv do Estatuto de Roma). As declaracións públicas sobre repoboar Gaza e expulsar palestinos constitúen —fronte ao argumento exposto por Norman J. W. Goda, quen refire unha estratexia política de deslexitimación de Israel— indicios de intención especial, relacionados coa definición de xenocidio na Convención de 1948 (art. II), que inclúe actos cometidos coa intención de destruír total ou parcialmente un grupo. O xenocidio, delito cun dobre elemento subxectivo, require unha intención xeral sobre as condutas típicas e unha intención ulterior de destruír o grupo (dolus specialis), con énfase na tendencia volitiva (purpose-based approach), aínda que enfoques máis recentes atendan ao coñecemento e estructura (knowledge and structure-based approaches).
Fronte a discursos que relativizan ou minimizan estas atrocidades, a flotilla navega como símbolo de dignidade e resistencia, lembrando ao mundo que o Dereito Internacional Humanitario non é só norma, senón o eco da humanidade que nunca debe calar.