Vendedores empíricos, vendedores profesionais

Pedro Puy
Pedro Puy DEPUTADO DO PP NO CONGRESO

OPINIÓN

Jesús Hellín | EUROPAPRESS

07 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Se un vendedor lle di que uns calcetíns pequenos van a dar moito de si despois de poñelos, e de outros que son grandes que van a encoller tras lavalos, está vostede diante dun vendedor «empírico». Pola contra, se chega vostede a unha xeadería e o dependente (que seguiu un curso de psicoloxía experimental) lle pregunta se quere unha ou dúas bolas de xeado no seu batido, cando vostede só desexaba un batido, quen lle coloca e cobra a innecesaria bola extra é un vendedor «científico». Máis ou menos así contaba Camba, xa en 1945, como avanzaba o márketing da man da psicoloxía.

Desde que se asinou o acordo entre o Partido Socialista e Esquerra Republicana para a investidura de Pedro Sánchez, que incluía a asunción pola Administración Xeral do Estado (AXE) de 15.000 millóns de euros da débeda autonómica catalá, tense escrito moito sobre a conveniencia desta mal chamada condonación e a súa xeneralización ás demais comunidades autónomas. Durante a crise financeira da pasada década algunhas delas, que xa arrastraban altas cifras de endebedamento, foron expulsadas dos mercados de creto, e a AXE tivo que saír no seu apoio. Tras a crise, o endebedamento acumulado, ben diferente en termos per cápita entre unhas comunidades autónomas e outras, lastra tanto a volta daquelas aos mercados financeiros, como os seus orzamentos polo pago dos xuros. As diferenzas nos niveis de endebedamento dependeron de diversos factores. Algunhas se endebedaron por riba da media porque o sistema infrafinanciábaas, outras en cambio por non ter adoptado decisións de contención do gasto. E hai un alto grao de consenso académico sobre a necesidade de facilitar a volta aos mercados das máis endebedadas, para eliminar a súa dependencia da AXE; e tamén sobre a necesidade de resolver os problemas de infrafinanciamento das comunidades a través da reforma do sistema común. A solución pasaría por unha reestruturación da débeda naquelas máis endebedadas para que poidan saír aos mercados; e pola reforma do sistema para garantir un financiamento suficiente e equitativo a todas as comunidades.

En cambio, a operación de pasar parte da débeda contraída polas autonomías á AXE presenta dous problemas. O primeiro, de incentivos. No contexto da normativa española e europea de disciplina fiscal, abrir a porta a que os gobernos que se endebeden por riba do legalmente establecido vexan condonados os seus excesos, incentiva un desempeño fiscal irresponsable: para que subir impostos ou cumprir coa estabilidade financeira se cando me endebedo de máis o Goberno central virá a axudarme? O segundo, sobre o reparto equitativo entre as autonomías da débeda «condonada»: non se está tendo en conta si ven do infrafinanciamento, ou trae causa dun desempeño fiscal irresponsable. O que impulsa os discursos sobre os agravios comparativos. O Goberno de España, a través da súa vicepresidenta primeira, leva tempo intentando vender as bondades dunha «quita» que non aborda o problema do financiamento das comunidades autónomas, que incentiva novos incumprimentos na responsabilidade fiscal e que da pulo ao debate dos agravios territoriais. Todo para manter o apoio de ERC ao Goberno no Congreso un pouco de tempo máis. Ata hoxe o argumento máis repetido pola vicepresidenta era que, grazas á «quita», as autonomías poderían dedicar máis recursos ao gasto social; pero o anteproxecto da lei que ela mesma presentou esta semana especifica que as comunidades non poderán destinar a gasto social os aforros en xuros. O calcetín que cede ou encolle, asegún. Vendedores empíricos. Pouca profesionalidade.