Castellano: o éxito profesional desde a Escola de Comercio

Ricardo Vales COMPAÑEIRO NA ESCOLA DE COMERCIO

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia que coñecía o seu delicado estado de saúde a través da miña amizade co seu irmán Santi, a nova do seu falecemento produciume un grande impacto emocional. José María Castellano foi unha persoa a quen sempre admirei por esa grata proximidade de home humilde, modesto, cordial e dotado dun encanto especial para axudar sempre que foi solicitado.

Coñecino cando vivía en Adelaida Muro, e desa rúa típica do barrio de Monte Alto debeu tomar o seu aire sinxelo e popular que soubo conservar nos moitos anos de éxito empresarial. Mais cando mellor o coñecín foi na etapa da Escola de Comercio. No curso 67-68 matriculeime nela para cursar os estudos de Peritaxe Mercantil, envolto nunha bocanada de ilusión e esperanza polo futuro, ao igual que moitos daquela xeración. Non en van, o centro foi un símbolo de éxito dun feixe de triunfadores nas súas respectivas actividades, así como impulsores de esforzos empresariais moi creadores. Castellano, sen dúbida, foi un dos alumnos más destacados daquela nómina excepcional e inesquecíbel, xunto aos nomes de Amador de Castro, Fernando Martínez, Moncho Seoane, Souto Pastrana ou Pepe Corbal. Evidentemente, non están todos os que son só por razóns da miña memoria. En todo caso, unha nómina de auténtico luxo.

A inquedanza pola docencia foi outra das facetas na que Castellano deixou o seu selo particular. Puiden comprobalo máis adiante na propia Escola de Comercio, xa en Estudos Empresariais, nas asignaturas de Estatística Descritiva, que tamén impartía na Academia Juan Flórez, impulsada polo recordado Luis García, e Análise de Balanzos. A lista de empresas que arrouparon a súa actividade profesional e cimentaron o seu prestixio é longuísima, mais non hai que esquecer a Somega, aquel proxecto frustrado por comercializar o mexillón galego promovido polas caixas galegas e Sodiga, do cal era o director financeiro, e que representou o meu debut no mundo laboral en 1974.

José María Castellano foi un grande e como a todos os grandes a súa humildade convérteno en máis grande aínda. Que aló onde estea poida ter os descanso que merece.