Setembro e as sombras

OPINIÓN

23 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Amo setembro. Xa sei que é o mes de volta ao traballo, pero, para quen vive na costa, é un mes de recuperación de paraísos que, durante o verán, hai que compartir con demasiada xente. Non hai moitos anos baixabamos á praia de Barraña, que ten un paraíso verde da mesma extensión có areal, con centos de árbores que, para os que non adoitamos pórnos ao sol, son un engadido fantástico. Iso era antes. As familias tiñamos unha sombra case asignada. Agora, se baixas máis tarde das cinco, non pillas ningunha, a non ser que leves a árbore de Nadal portátil e a coloques alí. Hai moita máis xente, e os chiringuitos con música espallan as mesas pola herba e ocupan cada vez máis espazo, e tanto ten o prezo que lles poñan ao café ou a unha auga porque, malia a suba, sempre van ter clientes dispostos a pagar.

Setembro reconcíliame co espazo desta vila na que vivo e que, ano a ano, se vai transformando co risco evidente de entender o turismo coma o mellor obxectivo para xerar unha riqueza que non sempre repercute na veciñanza e que, as máis das veces, vai parar ás grandes superficies comerciais e non tanto á hostalería. E non falo deste turismo familiar e civilizado que arrenda piso no verán, ou que, cada vez máis, o ten en propiedade, senón doutro tipo de turismo que vén desprazado doutros lugares nomeadamente saturados.

Ordenar o turismo é unha responsabilidade de todos. Se non se fai con criterios de sostibilidade e nos limitamos a imitar outro tipo de turismos máis agresivos, veremos nun futuro non moi afastado que vivir en Boiro no verán xa non será ocupar un paraíso, e sufriremos unha invasión que condicionará o noso día a día. E non só porque nos quiten as sombras, senón tamén porque nos poden apañar un mes tan fermoso coma o de setembro.