Permítanme ser claro. Galicia debería e podería acoller moitos máis nenos migrantes cós previstos. O esencial sería poder garantir o seu dereito á educación, á saúde e a unha vida digna sen condenalos a malvivir tras fuxir do horror. Porque o patriótico é o compromiso político coa acollida e non abandonar á súa sorte a Canarias ou Ceuta. Pero tamén porque son unha inmensa oportunidade social e económica. Tocounos o gordo, pero semella que só queremos a pedrea.
A inmigración é un reto, nunca un problema nin unha emerxencia. Se acaso o problema está na negativa ou na incapacidade política para afrontalo. Cómpre menos ruído e zascas cutres e máis discreción e coordinación entre Goberno, Xunta —toda a Xunta, non só unha consellería—, concellos, e organizacións do terceiro sector social. Con profesionais recoñecidos no acompañamento e a inclusión de nenos e nenas, cun enfoque sempre centrado na persoa e os seus dereitos.
Unha das mellores novas dos últimos anos é que por fin Galicia conseguiu reter poboación inmigrante. Aproveitar esta enorme inxección de riqueza e asegurar un emprego digno nas empresas que claman por contratar máis persoal explican en boa parte o noso crecemento económico e a redución da pobreza.
Vostede non odia. Non odia a práctica totalidade da sociedade galega, os medios de comunicación, coma este, que informan con rigor, ou os nosos partidos. Somos a única comunidade sen ningunha presenza institucional de forzas políticas que promoven o sufrimento e o odio no seu beneficio. Queremos seguir así; por iso, é obrigado condenar con firmeza actos de violencia como os de Monforte, cuxos responsables sorprende que non estean xa detidos.
Máis de cen organizacións, colexios profesionais e universidades xa asumiron unha declaración pola tolerancia e o respecto fronte ao odio e a aporofobia. Reclaman sentidiño e liderado político en Goberno e oposición, en lugar de importar, de xeito forzado, discursos estatais alleos á realidade galega.