Afontanería está polas nubes. É a conclusión á que chegamos os da cuadrilla despois dun variado faladoiro. Comezamos con asuntos de índole médica. O Paco Mariló, desde que se xubilou, é unha autoridade na materia. Cóidase, xoga ao golf (unha modalidade inventada por el e o Manolo Lucero: o leiragolf), bebe bebidas isotónicas, nada de alcohol. Unha autoridade, reitero. Dixo que os dous fármacos principais son a penicilina mais o omeprazol, medicamentos non superados en beneficios para a humanidade. Quedou aí o conto. Despois falou o Bernardo. Foi á súa médica, a doutora Luisa Valladares. Doíalle o pé esquerdo. Pensaba que era consecuencia de acompañar ao Mariló a un partido de leiragolf. É o que comentou na consulta. A doutora contestou: «Bernardo, eso é cousa dos anos». Aquel día o Bernardo estaba simpático porque ganara, xogando mal, o seu Real Madrid. Con esa simpatía respondeulle: «O pé dereito ten os mesmos anos e vai perfectamente, doutora». Ambos botaron unhas risas. O Bernardo xa corre como Usain Bolt, todo un atleta. Por último, lanceime eu a relatar unha vella experiencia. Un dos que atendía as miñas doenzas era o galeno arxentino Jorge Cañaveral, que aínda traballa no hospital verinés. Eu levantárame fatal. Chameino. Vén. Fun. «Che, boludo, dime». E díxenlle: «Teño area fina nos ollos, ou algo así; o peito atascado; o nariz non deixa de botar auga; apenas respiro porque está todo taponado, ata os oídos». Jorge Cañaveral, meu amigo da alma, miroume de arriba abaixo. Sen perder a parsimonia, con gramática arxentina, falou: «No sé por qué venís a una consulta médica, boludo. Vós lo que necesitás es un fontanero». A fontanería está polas nubes.