Galicia de Montevideo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Visita de Indalecio Prieto a la Casa de Galicia en Montevideo (Uruguay).
Visita de Indalecio Prieto a la Casa de Galicia en Montevideo (Uruguay). ARCHIVO DE L A EMIGRACIÓN

05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado mes de setembro cumpríronse setenta e cinco anos da primeira emisión de Sempre en Galicia, o programa máis antigo en lingua galega. Mónica Rebolo estudou as emisións en galego polo mundo, dende Suíza e Cataluña a América, e Xan Leira vén de presentar un documental sobre estes anos de vida do programa. Naceu da man de Alfonso Somoza, que seica recollía unha idea de Castelao, e empezou a emitirse en Radio Carve. No ano 2003 pasou a radio Oriental, e alí segue todos os domingos ás 9, agora coa dirección de Toni de Seares e un equipo de colaboradores, entre eles o compostelán Manuel Losa, un dos cronistas máis activos da nosa emigración naquelas terras.

Viaxei por primeira vez a Montevideo a finais dos anos 80, escala previa á cidade de Buenos Aires e a Patagonia. Andaba eu coa documentación da miña novela A cidade dos Césares, fascinado pola experiencia das familias galegas que marcharan polo mundo adiante, moi especialmente cara ao continente americano. Galicia estaba presente en cada curruncho, en cada volta da cidade... Era impresionante a imaxe das delegacións do Banco de Galicia por todas partes, coas cores azul e branca como deseño corporativo e a cruz de Santiago presidíndoo todo; e a forza do Centro Galego (1879), e o Patronato da Cultura Galega… Elías Fandiño, que era taxista, contoume como chegara a esta parte do mundo con dous irmáns, e como compartían cama nunha pensión, porque non había para máis, alternando as horas de descanso. «As chinches eran tan grandes —comentaba— que polas noites nos levantaban en alto peso».

No aeroporto viñeron recibirnos Manuel Meilan e Manuel Canabal, irmán de Xesús Canabal (O Pino 1897-Montevideo 1985), un dos grandes mecenas da emigración galega e galeguista naquel momento, que falecera uns anos antes. Manuel Losa publicou unha biografía súa, A Galicia de Montevideo (Galaxia, 2011), xunto con outras de Antón Crestar, a quen coñecín da man de Fernando Pereira e Iolanda Díaz Gallego, Xosé Laxe Sierra Pepe Montoya, Eduardo Martínez Filgueira, Isidoro Manuel García... Foi a última vez que vin a Manuel Meilán, outro dos grandes, de quen Cristina Samuelle fixo un excelente libro de conversas que recomendo.

De Montevideo pasamos a Buenos Aires e, como dixen, de alí a Carmen de Patagones, á beira do río Negro. Mais gardo unha lembranza fermosa dos días de Montevideo: o café Brasileiro, a librería Linardi na zona vella, coas súas enormes estanterías ás que había que acceder con escadas de man, a memoria dos grandes (Galeano, Benedetti, Onetti), o teatro Solís que nos recordaba a Castelao, a universidade, onde tanta marca de nós deixou e deixa Carlos Zubillaga, académico de honra na RAG… Daquela os montevideáns discutían moito se Carlos Gardel era ou non do país, fronte aos porteños que o facían emigrante de Francia. Son esas discusións parvas que nunca chegan a nada. O encanto de Montevideo está na súa grandeza humilde, no seu equilibrio, na lembranza de tanta xente nosa que alí construíu a vida.