Hai días nos que unha pensa que avanzamos, mais logo o mundo abre a boca... e esvaécese a esperanza. Un dos organizadores do certame de Miss Universo chamou «estúpida» a unha das candidatas, só por non subir ás redes sociais suficientes fotos. A beleza tampouco serve sempre, só cando segue o guión que outros escriben para ela, para elas. De non ser así, zas!, o insulto rápido, palabras que doen polo que revelan.
A actitude está en calquera ámbito: no xornalismo, na política. Aí temos a Trump, dirixindo unha potencia mundial e improperios tamén. Ao ser cuestionado por unha xornalista que lle esixe verdade e fai tremer o seu ego, responde chamándoa «porquiña».
Non argumenta, non explica, ataca polo único lugar onde cre que pode doer máis, o feito de ser muller. Non nos enganemos, chamaríalle iso a un home? Non, porque a el non querería lembrarlle cal é o seu lugar asignado, ese curruncho pequeno, decorativo, no que non caben as preguntas incómodas, nin o criterio propio, nin tampouco a ousadía. Demasiadas historias de «estúpidas», «porquiñas», en público e en privado. Si, hai demasiadas mulleres ás que tentan reducir cando deixan de sorrir, ou de gustar, ou de calar. Mulleres que camiñan na rúa, co mundo ás costas, cos seus silencios e as súas loitas. Entón véxoas nun exército de pingas teimosas, caendo, resistindo, abrindo sucos na pedra. Seguimos e seguiremos aquí, por máis que non guste que falemos, que nos queiran pequenas e nos insulten.
Non desapareceremos, incómodas, en pé.