Teño a experiencia de que o acordo entre familias políticas e Administracións sempre dá bos resultados, por iso o defendo cando teño ocasión. O consenso é posible se hai un proxecto consistente que aúne ideas e vontades, algo que se me antolla imprescindible precisamente neste ambiente inaguantable da política española tras décadas de transición ben levada.
O Real Patronato e o Consorcio de Santiago foron creados xustamente para non ter que estar chamando ás portas de cada Administración por separado para deseñar e executar os proxectos, senón ter a oportunidade de sentar para pensar e adoptar os acordos por unanimidade. Así foi posible lanzar o programa municipal Compostela 93-99 entre anos xubilares e a Capitalidade Europea da Cultura 2000, marco de importantes proxectos e investimentos consensuados.
O Ano Santo 2027 ten que valer para poñer ao día o programa que se aprobou hai catro anos, na última xuntanza do Real Patronato, presidida polos reis de España e coa participación da universidade e a Igrexa. Un programa que debe ter como principais desafíos o turismo, a mobilidade, a vivenda, a cultura, o patrimonio e a rehabilitación de barrios e parroquias. E, como non, coidar unha universidade que, a nivel científico e investigador, está no mundo. Calquera acordo sitúase sempre a medio camiño; por exemplo, entre a oposición radical á carga turística e a queixa permanente porque non se acada o cen por cento de ocupación.
Fixémonos no rostro sublime de Santiago que nos acolle no parteluz do Pórtico da Gloria. Acaso non invita á aproximación, ao diálogo? Claro que o propio Santiago foi utilizado tamén como «matamoros»; mesmo coa colonización de América prodúcese un sincretismo inopinado, porque algúns pobos autóctonos vísteno como un dos seus e sérvense del como paladín nas súas loitas contra os antagonistas. Sobre o de pedir perdón habería moito que matizar.
Hoxe non se trata de confrontar, senón de promover un sentimento de comunidade. O xubileu, en tempos dunha Igrexa en plena renovación, sincretiza relixiosidade e laicidade, xúbilo e xustiza social, tradición e renovación.
A chamada de Santiago irradia cara ao mundo e segue atraendo tantas persoas que comparten unha mensaxe entre devoción, lecer e cultura, entre cosmopolitismo e identidade. A cidade ten a metade da súa alma fóra de Galicia e debe dirixir unha convocatoria en común a Europa, a Oriente ou a América, aproveitando a súa dimensión ecuménica. A Corporación municipal en pleno está obrigada a levar a iniciativa do programa para Compostela.