O fío da ficción

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Alberto Boal | EFE

05 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, por cuestións que non veñen a conto, tiven a sorte de falar con moitos escritores e escritoras. Coincidimos en que, antes de darlle ao lapis, levamos convivindo cos personaxes, a localización, a acción... unha chea de tempo. A historia leva centos de voltas na cabeza.

O motivo? Perseguimos a verdade, buscamos escribir o texto máis certeiro. Para conseguilo necesítase moito traballo tras cada palabra elixida, na selección da voz axeitada. Non nos permitimos enganar ao lector, por iso non se nos consente dubidar. Construímos a historia e debémonos a ela.

Hai moitísimas miradas diferentes que deitar sobre un relato. O noso deber como contadores é seleccionar unha e, desde ese punto, transmitirllo a quen se queira subir ao noso barco para percorrer esta singradura.

Poñamos por caso que un dos nosos protagonistas vai camiñando pola rúa, cunha mochila ao lombo. Alguén trata de poñerse en contacto con el para contarlle un asunto importante, pero o personaxe non colle o teléfono móbil porque o leva no macuto. Sería terrible avanzar unhas liñas e atoparnos que o devandito paisano en realidade ía de copiloto nun coche.

Aló foi todo ao inferno!

Dá igual o asunto que lle quixeran contar. Xa podía ser o máis marabilloso do universo que a incongruencia de ir a pé ou dentro dun vehículo xa botou ao lector fóra da historia. Imposible de salvar. É o abecé dos contadores: correspondencia de xénero e número e congruencia na historia. Deberan aprendelo tamén todos os contistas.