Entrevista | Luis García Mañá A Asociación Amigos do Couto Mixto celebra mañá os actos de nomeamento dos xuíces honorarios coa presenza de Adolfo Domínguez, creador das capas
24 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Mañá, a partires das 11.30 horas, a igrexa de Santiago dos Mixtos é o escenario do acto de nomeamento dos xuíces honorarios 2004. A Asociación de Amigos do Couto Mixto homenaxea así ás persoas que teñen destacado na defensa e promoción dos valores culturais e patrimoniais do territorio encravado na raia seca ourensá. -¿Cal é o significado do nomeamento dos xuíces? -En principio imos nomear aos xuíces honorarios, que vén ser a memoria histórica do que foi o líder no Couto durante séculos. O xuíces honorarios deste ano corresponden a tres eidos distintos. Un ao eido da propia xente allea ao Couto pero que ten traballado a prol del, por exemplo, no eido da literatura, como pode ser o caso de Antón Riveiro Coello, que é un dos máis sobranceiros escritores galegos, unha das plumas máis lúcidas e brillantes e dalgunha maneira ten obra que avala claramente esta distinción. Outra vai a ser para unha persoa que dende hai tempo ten traballado polo calado do Couto Mixto, con obras de tipo material e de apoio a todas as actividades. Este é o caso de Xosé Benito Reza. Finalmente, todos os anos facemos o nomeamento dalguén do pobo. Nesta ocasión é un veciño, pedáneo de Santiago dos Mixtos, Cesáreo González Veloso, que organizou unha asociación de veciños na localidade e sempre apoiou a iniciativa dos Amigos do Couto Mixto. -¿Por que tres nomeamentos de xuíces? -Dunha maneira enraizamos coa propia terra, por outra facémoslle honor a aqueles que dende a asociación teñen traballado pola calada e finalmente sacamos a unha persoa do mundo da literatura galega que neste momento sobrancea con moitas obras, unha delas dedicada ao Couto Mixto. -Outro dos momentos importantes será a imposición das carpas aos «homes de acordo». -Imos impor as capas aos homes de acordo, que son os representantes das tres aldeas do Couto Mixto, que eran como o axudante ou representante do pobo ante o xuíz gobernativo. -As capas foron deseñadas nada máis e nada menos que por Adolfo Dominguez -Adolfo Domínguez apóianos nesta idea máxica e humilde, coma galego universal que é. Poderíanos favorecer nun espazo de encontro, nesa república dos soños. Considerando que el é un home da cultura, do deseño e da creatividade, entendería ben a idea dese lugar de encontro histórico que tentamos recuperar. Falei a través dun colaborar e logo con el e pareceulle moi ben a proposta e aceptouna. Estará mañana na celebración e recibirá pola nosa banda un agasallo. -¿Quen foi o que decidiu o deseño? -O deseño é unha cousa del pero é una capa tradicional coa súa escravina dentro da cal van as chaves. É unha capa tradicional. Creo que é moi fermosa e elegante e que desde agora, cada vez que fagamos esta liturxia, os representantes dos pobos vana levar sempre, e tamén os representantes da asociación de amigos. As capas irémolas poñendo cada ano, pero nesta ocasión imos por aos tres homes de acordo e ao bigairo de ano. -¿Como está a saúde da Asociación de Amigos do Couto Mixto nestes momentos? -Nós somos fundamentalmente xente de fóra do Couto Mixto. Creouse baixo a presidencia de Máximo Salinas ao que eu relevei. Conta con membros sobranceiros como Bieito Ledo ou o actual Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza, e moita máis xente máis. Xa temos moito publicado, libros de lingüística, arte, filoloxía, economía, etcétera, relacionado co Couto Mixto, algo que é para apreciar porque falamos dunha zona de tres aldeas case sen vida social. Todo evoluciona. Tentamos tamén incorporar xente do propio pobo e é aí onde contamos co apoio total da asociación de veciños. -¿Como é polo tanto a relación cos veciños? -Perfecta a través dos homes de acordo . Utilizamos as mesmas institucións históricas como elemento de entronque co vecindario. Están totalmente involucrados apoioandonos en todo.