«Parte do meu éxito é porque o fago sen presión económica. Fágoo porque me encanta e disfruto»
OURENSE
Antonio Cajide Gulín é un colleiteiro que desde o ano 2004 que sacou o seu primeiro viño, tinto e branco, obtendo dous segundos premios na Feira do Viño do Ribeiro acumula premios e recoñecementos nos que se rendeu ata Robert Parker, o gurú mundial dos viños encomiando as súas propostas. Cajide ofrece polo tanto tradición e calidade na elaboración dos seus viños: Sameirás tinto e branco, Sameiras 1040 e Viña do Avó, tinto.
-¿Cantos anos leva dedicado ao mundo do viño? ?-Desde o ano 1999, que decidín xubilarme e empecei a comprar as viñas dos meus pais e os meus sogros e percorrer partes de Portugal, Francia e España para saber como se facían as cousas e onde me metía. E tras dous anos de formación e de probas, cando me din conta que para poder facer algo hai que ter como mínimo dúas hectáreas de viñedo, tiven que comprar 23 parcelas para logralo e empecei a traballar e saquei, no 2004 ao mercado a colleita de 2003. Sameirás tinto e branco, e máis adiante, por unha discusión co enólogo, Viña do Avó.
-E desde entón sempre recollendo premios, algúns tan importantes como a Medalla de ouro na Berlin Wine Trophy deste ano ou os recoñecementos de Robert Parker.
-Si, nestes case seis anos teño catro primeiros premios, tres segundos e tres terceiros da Feira do Viño do Ribeiro, Robert Parker deume na colleita de 2006, 91 puntos e en agosto, que fun o único do Ribeiro, 89. Ademais teño o Acio de bronce da Cata de Galicia, Distincións Gallaecia nos anos 2004, 2006, 2007 e 2008, Mención de honor na segunda Cata dos Viños do Noroeste. Puntuacións de 95 en diferentes catas en Estados Unidos e este ano co Sameirás 1040, a medalla de ouro de Berlín, tamén a do Noroeste, a de prata en Iberwine e a de bronce en Bacus, os tres concursos máis importantes a nivel nacional. Na guía Penín estou entre os cen mellores.
-¿Como se leva entón tantos recoñecementos e premios ao seu traballo?
-Ben, pero nesta vida hai que ser feliz co que se ten e non abarcar máis do necesario, non paga a pena, o importante é gozar. Parte do meu éxito é porque o fago sen presión económica. Fágoo porque me encanta e disfruto.
-¿E como van as cousas a nivel de exportacións?
-Sigo traballando en Alemania e en Estados Unidos. Non quixen ampliar a Xapón nin a Canadá, onde están interesados porque non teño produción e creo que ademais hai que marcarse límites na vida.
-¿Cales son os seus proxectos de futuro?
-Gustaríame sacar un tinto de moita mellor calidade pero é cuestión de tempo, posiblemente nun horizonte non moi afastado, dun par de anos, poida facer un viño moi especial, que se salga do normal, pero hai que esperar a que as prantacións de 1999 vaian tendo máis idade para logralo. Tamén facer un secadeiro propio na finca para elaborar tostado, pero iso nun horizonte máis afastado, aínda que xa reservei o sitio.